A III Feira do Libro de Ribadeo inaugurarase este venres, 1 de xullo, ás oito da tarde, co pregón que ofrecerá o escritor Antonio Reigosa. As casetas xa estarán abertas ao público desde as doce do mediodía e a feira prolongarase ata o domingo, 3 de xullo. A cita acollerá mitas actividades para nen@s e adultos.
O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, dixo: “coido que este ano damos un pequeno salto de carácter cualitativo nas actividades que se desenvolven nesta III Feira do Libro. Persoas da talla de Francisco Castro, de Pedro Feijoó, de Antonio Reigosa, de Ledicia Costas, xente a nivel local como Cidre Fernández, de Mondoñedo, Pablo Vivín, de Ribadeo, Xosé Otero Canto, que é un chairego que polos veráns está afincado na Mariña e ten posto a súa mirada e os seus versos na praia das Catedrais, xente como Caridad, que ten escrito sobre o fútbol do Ribadeo FC”.
O edil nacionalista subliñou que “combinamos o local co universal e poñendo sempre en valor a solidariedade e enriquecemento cultural a través da actividade que desenvolvemos desde toda a nosa sociedade”.
O responsable de Cultura ribadense engade que “é un pracer presentar esta Feira do Libro porque ademais con ela inauguramos o terceiro trimestre de actividade cultura en Ribadeo. Un trimestre moi intenso que xa presentaremos para a semana que ven”.
Farruco Graña anunciou que “vai haber moitas actividades para os cativos, potenciación dos valores creativos a nivel local e presentaremos algunha novidade referida a novos concursos literarios, porque consideramos que tras varios anos nos que os nosos rapaces e rapazas, nen@s, participan no certame literario de Nadal e as Letras Galegas que organiza a Biblioteca Municipal El Viejo Pancho, e que despois participan na fase provincial deste mesmo concurso, unha vez que rematan a ESO hai que darlles saída para que poidan seguir desenvolvendo o seu afán creativo a través da prosa, o verso e o debuxo”.
O concelleiro de Cultura quere “convidar aos libreir@s de Ribadeo e da comarca da Mariña, e dalgunhas outras comarcas a que tamén se achegan ata Ribadeo para mostrarnos os seus libros”.
Farruco Graña detallou que “teremos charlas informais para falar cos escritores e escritoras sobre as súas inquedanzas literarias, a súa capacidade creativa e as súas fontes de inspiración. Charlas que pasan por un vermú literario, charlas interxeracionais a través da habilidade como a que ofrecerá a escritora de María Canosa, que tanto escribe para nenos como para adolescentes ou adultos, charlas infantís con Ledicia Costas, que é Premio Nacional de Literatura, charlas con Francisco Castro e coa xente de aquí que presenta os seus libros como Pablo Vivín, Xosé Otero Canto ou o noso veciño Caridad”.
Pola súa banda, o técnico municipal de Cultura, David Díaz, declarou que “creemos que é unha Feira do Libro que se vai caracterizar polo dinamismo cun programa amplo, no que non só vai entrar en xogo a literatura senón tamén outras disciplinas que consideramos fundamentais da cultura e coa que conversan diariamente”.
David Díaz engadiu que “non imos ter unicamente presentacións de libros senón que vai haber obradoiros para os máis pequenos, como un que realizará Mau Marela de creación artística. Vai haber tamén concertos poético-musicais como o que vai dar a famosa parella de Lucía Aldao e María Lado, que se titula Sempre en Ibiza”.
O técnico de Cultura comentou que “tamén imos ter unha ciclobiblioteca, que vai recorrer o domingo as rúas de Ribadeo con pequenas estadías no parque de San Francisco para facer de contacontos con Anxo Moure. Teremos tamén pequenas demostracións de pintura como a que realizará Eduardo Baamonde o sábado, ás seis, despois de contarnos a súa traxectoria dos seus cadernos de viaxe. Hai infinidade de actividades para todas as idades”.
A carón das casetas haberá un photocall no que se poderá tirar fotos con lemas de animación á lectura. Por cada compra superior a 10 euros darase un boleto para o sorteo dun lote de libros e dunha cesta de verduras e froitas do Mercado de Ribadeo. Eses boletos estarán vinculados ao sorteo do día que se fixo a compra e que terá lugar nas inmediacións da feira.
A clausura da Feira do Libro será o domingo, 3 de xullo, ás nove da noite. Contará coa actuación de Moitas máis que dúas piano ensamble.