A comisión do Entroido de Ribadeo 2016 presentou o cartel e ultima o programa das actividades que haberá do 5 ao 13 de febreiro.

A comisión do Entroido de Ribadeo 2016 presentou o cartel e ultima o programa das actividades que haberá do 5 ao 13 de febreiro.
 
Os actos do Entroido de Ribadeo 2016 desenvolveranse entre o 5 e o 13 de decembro. A comisión organizadora, que presidente David Martínez, presentou hoxe o cartel do festexo. 
Martínez contou que “o programa dará comezo o 5 de febreiro coa cea de comadres. Seguiremos o día 6 coa gala do Entroido na que haberá moito humor e moitas sorpresas. Ao igual que o ano pasado, a partir das oito da tarde unha carroza sairá do parque de San Francisco ata chegar ao Cine Teatro, onde se celebrará o evento e onde se pronunciará o pregón deste 2016. A gala comezará ás nove da noite”.
O presidente seguiu a contar que “o día 7 será a saída da comparsa do porco, un acto tradicional no Entroido de Ribadeo, que nos serve para recadar fondos a través das rifas que se están a vender ao prezo dun euro. Iso é o domingo pola mañá. Xa pola tarde ás cinco na discoteca Rosalar terá lugar baile infantil de disfraces. E este ano como novidade teremos tamén no pub Molino un baile xuvenil para os rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 13 e os 17 anos. É algo que nos estaba a demandar a xente. Será, iso si, unha festa sen alcohol”. 
David Martínez indicou que “o 8 de febreiro, é o luns larpeiro, será a xornada para gozar dos cocidos nos locais hostaleiros que se sumen a esta iniciativa. O 9 será o día do grande desfile de Entroido de Ribadeo, no que se repartirán preto de 5.000 euros en premios, que está moi ben. Animamos a todos os veciños e veciñas de Ribadeo a participar nesta cita e aos que queiran achegarse desde outros puntos ou lugares da comarca. E Entroido de Ribadeo rematará o 13 de febreiro coa tradicional Queima do Entroido. Ás nove da noite a comitiva fúnebre sairá desde o Concello para percorrer varias rúas cidade e rematar a carón da estación de autobuses, que é onde se queimará o Entroido”.
O presidente da comisión organizadora subliñou que “este ano queremos rescatar a figura da mascarita, para que todos os que o desexen collan o que teñen a man na casa e saian á rúa disfrazados, tal e como se facía antigamente. E ollo ás redes sociais do Entroido, ao facebook e a instragram. Todos os que se disfracen e os que saian a tomar o cocido poden subir as súas fotos, porque tamén teremos concurso nas redes sociais”.