A Casa Consistorial de Xove acolle a exposición "A paz cuestión de fondo", que se pode visitar ata o 1 de decembro. A entrada é de balde.

A Casa Consistorial de Xove acolle a exposición "A paz cuestión de fondo", que se pode visitar ata o 1 de decembro. A entrada é de balde.
 
A sala de exposicións do Centro Cívico de Xove acolle a mostra ‘A Paz Cuestión de Fondo’, organizada polo Concello en calidade de membro do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A exhibición abriuse o día 5 de novembro e permanecerá na vila ata o 1 de decembro, con entrada de balde. A Exposición está aberta diariamente en horario de 10:00a 14:00  e de 16:00 a 19:00 horas. A entrada á mesma realízase pola porta principal do Salón de Actos.
 
A exposición, integrada por viñetas elaboradas por 28 autores de 16 países diferentes, convida a reflexionar sobre a pobreza como unha forma de inxustiza social que xera exclusión, racismo e violencia. Do mesmo xeito, a falta de oportunidades impídelle á sociedade medrar en condicións de dignidade, o que aumenta as diferenzas sociais e agudiza o abismo entre ricos e pobres. O Fondo Galego de Cooperación entende que o desenvolvemento sostible non é posible neste contexto, por iso quere contribuír a crear un clima de opinión favorable á promoción dunha nova orde económica internacional, sen excluídos nin perdedores.
 
Os paneis da exposición ‘A Paz Cuestión de Fondo’ pretenden achegar á cidadanía os conceptos básicos necesarios para unha comprensión axeitada da paz nun sentido amplo, os factores que a ameazan e mais os instrumentos e actitudes que contribúen a promovela. Trátase de que nenos e adultos entendan que a paz non é só a ausencia de guerra, pois existen outros tipos de violencia que atentan contra ela. Ao mesmo tempo, inténtase desenvolver nos máis novos un espírito crítico coa realidade.
 
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está formado por 87 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.