A concelleira de Turismo, Ana Martínez, considera que as visitas de canles de televisión internacionais á praia das Catedrais “son importantes para dar a coñecer este pequeno, pero fermoso recuncho do mundo, que cada día brilla como unha estrela como luz propia e con moita forza”. A BBC pasou por aquí e nuns días chegarán os actores, actrices e o resto de membros do equipo de rodaxe dunha serie que está a trunfar en Asia.
A edil ribadense dixo que “logo dun verán espectacular en canto non só ao bo tempo, senón ao número de visitantes de novo a praia das Catedrais segue a ser protagonista. Durante os últimos tempos no Concello estamos a recibir solicitudes diversas para acceder ao areal e así poder gravar”. Martínez explicou que “se trata de solicitudes de programas de divulgación científica, como é o caso da BBC. Onte mesmo estivemos a acompañar a Miles Burton, que é biólogo e produtor dunha serie da BBC e que está a filmar e busca amosar a dinámica da costa, os fondos oceánicos… precisamente poñendo como exemplo a praia das Catedrais quere mostrar a importancia do efecto da erosión do mar, as mareas e o propio espazo intermareal, as diferenzas que existen entre uns lugares do mundo con outros”.
A concelleira de Turismo subliñou que “a praia das Catedrais foi elixida a nivel mundial xunto a outros espazos como poden ser as Illas Seychelles e outros areais en Brasil, Noruega ou Xapón. Cada unha delas vai amosar a súa singularidade e como dixen a praia das Catedrais estará presente coa súa magnificencia en canto ás súas formas, que se manifestan por esa erosión… por ese motivo a BBC elixiu esta praia. Onte Miles Burton nos comentaba, despois de vela en vivo e en directo, que ven sabe que non se confundiu, el mesmo nos contou que despois de coñecer practicamente todo o mundo a nivel de espazos naturais que esta praia é diferente”. Miles Burton visitou o areal acompañado da concelleira de Turismo, da axente de Desenvolvemento Local do Concello, Mónica Barcia, e de Iván Rodríguez, guía das Xeorutas de Ribadeo.
Ana Martínez engadiu que “non só falamos de programas naturais e de divulgación científica, senón que a praia das Catedrais tamén suscita interese de películas ou series de ficción. Mesmo este verán recibimos a solicitude desde Bollywood, que non puido ser porque estabamos en pleno verán e desde a Xunta entenderon que así non debería ser. E agora mesmo hai outra serie que acaba de solicitar o permiso para rodar e si que lle foi concedido. Os días 27 e 28 deste mes de setembro estarán aquí rodando unha serie coreana, que polo que nos contan arrasa en Asia, fundamentalmente en Corea do Sur e China. A serei chámase The legend of the blue sea na que se xoga con sereas e con amores e precisamente a praia das Catedrais é moi propicia a ser habitada por unha serea. E van rodar unhas secuencias do primeiro capítulo da nova tempada desta serie que se vai estrear en novembro en Asia e que desde logo os actores a actrices son de primeira orde. Segundo me contan son megaestrelas en Asia e estes días que están de rodaxe en Barcelona creo que nas Ramblas a xente asiática que está por esa zona os para, lles pide autógrafos, fan fotos… co cal os días 27 e 28 de setembro teremos por Ribadeo a grandes estrelas a nivel asiático”.
A concelleira Turismo considera que “deste xeito Ribadeo terá presenza case mundial, permitíndonos colarnos nos fogares de milleiros de persoas e por canles moi diferentes. Creo que podemos chegar a todos os públicos e entendo que terá repercusión en dar a coñecer este pequeno, pero fermoso recuncho do mundo que, como xa dixo o alcalde, cada día brilla como unha estrela con luz propia e con moita forza”.