Unha nova edición da Semana das Artes na Mariña presentouse no Cenima de Foz. A Área de Cultura da Deputación de Lugo estivo representada neste acto por Antonio Veiga, Vicepresidente da Deputación de Lugo. No acto participaron tamén Xerardo López, por parte do equipo coordinador da Semana das Artes, o prologuista do catálogo editado para a ocasión, Albano González, e a deseñadora do mesmo, Cristina Basanta.
Baixo o nome de “Seis diálogos para educar” a Semana das Artes na Mariña celebrarase desde o vindeiro venres 8 ata o 29 de abril, tendo como sede o Cenima en Foz. Este evento pretende ser, en palabras dos seus organizadores, “ mostra das expresións artísticas dun grupo de seis creadores mariñáns que plasman nas súas obras as relacións destes co seu medio social e xeográfico inmediato, o cal comparten con nós. A exposición pretende achegar a arte á sociedade, mais tamén principalmente á escola, e ao revés, achegar a escola á arte, colocando a esta como un elemento necesario para os artistas, e tamén para o público, que debe de ser “Educado na Arte”, debendo ser tamén eliminada a outrora infranqueable barreira existente entre o creador da obra e o público-espectador/a” sinalan.
A Semana das Artes na Mariña, que conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo, amosará as obras de 6 autores mariñáns: David Catá, Celso Dourado, Mauro Leiras, Hector Manasé, Alberto Pena e Raimundo Ruibal. Este evento conta co comisariado colectivo de Pedro Cabarcos, Daniel Caxigueiro e Xerardo López.