A Asociación de Sendeirismo Terras de Lourenzá ten previsto realizar, coma o ano pasado, unha fin de semana de camiñatas. Este ano as dúas rutas preparadas serán en Somiedo (Asturias), polo que a fin de semana do19 e 20 de setembro se desprazarán a esta localidade asturiana.
O sábado, 19, realizarán a "Ruta dos Lagos" que os levará dende o Alto de la Farrapona ata o Valle de Lago, pasando polos Lagos de Salienza. Esta primeira andaina ten unha distancia de 14 quilómetros e dificultade media. No punto de destino será onde pasen a tarde. Tamén alí cearán e disporán do aloxamento desa xornada, así como o almorzo do domingo. A comida será en ruta, polo que cada participante terá que levar a súa, así como auga e bastóns. A tarde será libre, coa posibilidade de anotarse nunha ruta a cabalo, que será opcional. O menú da cea será típico asturiano no restaurante Casa Cobrana.
Na xornada do domingo, 20, a camiñata escollida é a "Ruta da Braña de Sousas", un paseo duns 6 quilómetros e dificultade baixa. A mediodía comerán de novo en Valle de Lago, e pola tarde, antes do regreso a Lourenzá, farán unha parada en Pola, a capitalidade do Concello.
O prezo da actividade é de 80 euros para os socios e 95 euros para non socios. Inclúe os desprazamentos en autobús de ida e volta dende Lourenzá ata Somiedo, a noite do sábado así como a cea do sábado, almorzo e xantar do domingo.
Os interesados en participar desta ruta poderán inscribirse ata o 7 de setembro por rigorosa orde de inscrición, xa que as prazas son limitadas pola capacidade de aloxamento en Somiedo.
Para máis detalle sobre as condicións da viaxe e inscricións, os interesados poden dirixirse ao correo terrasdelourenza@gmail.com aos teléfonos 647 06 70 54 (Javier) ou 669 68 59 02 (Sandra).