Ribadeo acollerá os días 23 e 24 de maio o X Torneo Internacional de Fútbol Veterano, que organiza a AD Veteranos do Ribadeo FC.

Ribadeo acollerá os días 23 e 24 de maio o X Torneo Internacional de Fútbol Veterano, que organiza a AD Veteranos do Ribadeo FC.
 
Un total de 48 equipos disputarán os días 23 e 24 de maio o X Torneo Internacional de Fútbol Veterano Vila de Ribadeo. O evento deportivo, organizado pola AD Veteranos do Ribadeo FC, foi presentado este mediodía no salón de plenos do Concello. 
O alcalde, Fernando Suárez, valorou de forma positiva “o que esta asociación de veteranos leva dez anos facendo, porque co seu traballo e con este evento volvemos poñer a Ribadeo no mapa internacional. Si unhas veces é por eventos turísticos ou por monumentos naturais agora Ribadeo volve sonar desde o punto de vista internacional cun evento deportivo que vai encher a vila e os campos da comarca de xogadores que chegarán de media Europa, do norte de África, de Galicia, de Asturias, de Euskadi ou de Madrid. Son aproximadamente 1.000 persoas as que estarán aquí durante dous días gozando de Ribadeo, da súa hostalería, da súa restauración… Ribadeo vai estar petado e vai ser unha marabilla ver como anticipamos o verán nunha fin de semana de maio”.
O rexedor subliñou o traballo conxunto realizado pola AD Veteranos do Ribadeo FC, pola Asociación de Comerciantes (Acisa) e polo Concello. E engadiu: “somos un referente internacional, xa hai equipos que se queren anotar para a vindeira edición e aínda non deu comezo esta” e agradeceu “a cesión de instalacións deportivas aos Concellos do entorno. Temos 1.500 prazas hoteleiras, e aínda así haberá algún equipo que teña que durmir en concellos próximos”. 
O presidente da AD Veteranos do Ribadeo FC, Ramón S. Fernández-Reinante, dixo que “chegamos á décima edición deste torneo con 48 equipos en total, que chegan desde Francia, Béxica, Inglaterra, Turquía, Portugal, Madrid, Cantabria, León, Asturias e Galicia. O torneo disputarase en campos de Ribadeo, Barreiros, Vegadeo e Tapia”. E tivo palabras de agradecementos “para os pobos que nos ceden as súas instalacións deportivas e tamén aos equipos participantes a súa presenza. En total xuntaremos unhas 1.000 persoas, co que para Ribadeo será unha fin de semana festiva. Grazas tamén ao Concello e a Acisa pola súa colaboración”.
E o presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, Francisco Iriarte, sinalou que “desde Acisa queremos colaborar con eles, porque pensamos que é unha cousa moi importante para Ribadeo. Será unha fin de semana para a localidade. Apoiámolos en todo o que podemos desde o sector hostaleiro e queremos que conten con nós para vindeiros anos. Estamos seguros que esta décima edición será un éxito, ao igual que ocorreu nas anteriores”.