Preto de 600 promesas do fútbol sala base lembrarán a Rodrigo Maseda na cuarta edición do Memorial, que terá lugar do 2 ao 5 de xullo.

Preto de 600 promesas do fútbol sala base lembrarán a Rodrigo Maseda na cuarta edición do Memorial, que terá lugar do 2 ao 5 de xullo.
 
Preto de 600 promesas do fútbol sala de base lembrarán a Rodrigo Maseda Lozano na cuarta edición do Memorial que honra o policía nacional burelao falecido na praia coruñesa do Orzán en 2012. Así o deu a coñecer hoxe, no Thalasso Cantábrico Las Sirenas de Viveiro, o presidente da Fundación Imdecum, Marcelino Luna, na presentación da programación da cita que reunirá o mellorciño do futsal na Mariña a próxima semana, entre o 2 e o 5 de xullo. 
 
Coas marabillosas vistas da ría de Viveiro ao fondo, o acto tivo o privilexio de contar coa presenza da mai do homenaxeado, Isabel Lozano; tamén participaron os concelleiros de Viveiro, Xove e Cervo, Emilio Villarmea, Cristina Iglesias e José Ramón Soto, e o alcalde de Burela, Alfredo Llano, e o seu edil, Ramiro Fernández, así como o presidente do CD Burela FS Pescados Rubén, Manuel Blanco, e o delegado de Participación Cidadá da Policía Nacional de Viveiro, Pablo Rodríguez. 
 
“Seguindo dúas das máximas de Imdecum, a promoción do deporte base e o turismo de calidade, o Memorial cumprirá a súa cuarta edición sendo un éxito. Cada ano damos un paso máis; en 2015 ampliamos a competición un día, incorporamos a sede de Viveiro e tamén sumamos unha categoría, a Prebenxamín. Esperamos seguir medrando e que en 2016 poidamos incluso traer equipos femininos e engadir algún concello máis” explicaba Marcelino Luna a evolución do torneo, destacando a presenza de “preto de 600 deportistas, máis de 300 con pernoctas, cos que virán uns 500 familiares e acompañantes”.
 
 
Os representantes municipais presentes coincidiron en trasladar os seus parabéns a Imdecum polo crecemento da cita deportiva e reafirmaron o seu apoio en edicións futuras, tendo o Memorial como un escaparate da Mariña para os centos de nen@s que se achegan á comarca xunto ás súas familias.
 
 
“Rodrigo era un grande amante do deporte e tamén un relacións públicas da Mariña, sempre levaba Burela alá a onde fora. Estaría moi orgulloso de que unha iniciativa tan preciosa levara o seu nome” recoñeceu a nai do policía. 
 
Tras as emocionantes palabras de Isabel, o presidente de Imdecum pechou a presentación agradecendo a colaboración das institucións, tanto da Deputación de Lugo coma dos municipios de Burela, Foz, Cervo, Xove e Viveiro, ademais do CD Burela FS Pescados Rubén; Marcelino Luna tamén quixo dar as grazas ao hotel Las Sirenas e ao seu director, José Pereira, pola cesión das instalacións para acoller a cita de hoxe e sobre todo pola firme aposta do complexo na organización do Memorial.
 
52 equipos
 
Segundo a información facilitada polo director técnico deportivo de Imdecum, Alfonso Mera, A Mariña recibirá un total de 52 equipos entre prebenxamín e xuvenil, de 16 clubs procedentes non só de Galicia, senón tamén de Asturias, Castela e León, Castela A Mancha e Madrid. Tras a reunión técnica do xoves, 2 de xullo, o venres comezará a rodar o balón para os mariñáns CD Burela FS Pescados Rubén, ACD Xove, SD Xove, AD Praia de Covas, ADC Os Fornos Superti, AD Santiago de Foz, AFD Porto de Burela e A Mariña FS; os coruñeses Troula FS e Unidad Fene FS; o pontevedrés ED Vigo 2015; o ourensán ED Celanova; o asturiano EFS Siero FS; o valisoletano CD Tierno Galván; o guadalaxareño CD Brihuega FS e o madrileño UD Las Rozas Boadilla. Os pavillóns Vista Alegre e Monte Castelo (Burela), Marzán (Foz), A Veiga (San Cibrao) e os municipais de Xove e Viveiro serán testemuñas da fase de grupos e cuartos ata o sábado, xornada que concluirá cun clínic e partido das Estrelas. O domingo, Burela decidirá o palmarés.