O auditorio municipal Hernán Naval de Ribadeo acolle este domingo, 15 de novembro, ás 20:30 horas, o espectáculo da formación Prés de Cambrai, un conxunto que volve traer á vida a música dos cancioneiros medievais. En concreto, o grupo recreará, mediante música de zanfona, arpas, voz, organetto e o relato dunha narradora, a historia do pergamino Vindel, o documento que contén sete cantigas de amigo do trovador Martín Códax. A entrada é de 3 euros.
Prés de Cambrai está formado por Charo Pita, encargada da narración; Belén Bermejo, do organetto e canto; Ariel Ninas, zanfona; e Víctor Blanco, que toca a arpa e a guitarra renacentista. A formación escapa de concepcións puristas e historicistas e ofrece espectáculos para espazos sonoros de acústicas repousadas.
Con este concerto, incluído no ciclo Músicas Posíbeis, Prés de Cambrai quere celebrar o 100º aniversario do descubrimento do pergamino Vindel, achado por azar polo libreiro do mesmo nome e hoxe un valiosísimo documento sobre a literatura galego-portuguesa e universal.