O punto de información turística das Catedrais está aberto do 1 ao 5 de abril. E tamén abrirá os festivos, os sábados e os domingos ata o verán.

O punto de información turística das Catedrais está aberto do 1 ao 5 de abril. E tamén abrirá os festivos, os sábados e os domingos ata o verán.
 
Todo está listo en Ribadeo para recibir aos milleiros de persoas que se achegarán ao concello durante esta Semana Santa. O punto de información das Catedrais abre desde hoxe ata domingo en horario de 12 a 14 horas e de 16 a 18 horas. A oficina de turismo da vila atenderá aos visitantes de 10 a 14 horas e de 16 a 19 horas. O alcalde, Fernando Suárez, agarda que esta Semana Santa sexa tan boa coma a pasada. 
O rexedor dixo que “estamos con todo preparado desde o Concello de Ribadeo esperando a visita ao noso municipio de milleiros de persoas de Galicia, do Estado e, como non, doutras latitudes, sobre todo europeas, para estes días de vacacións de Semana Santa, onde Ribadeo é un punto de visita obrigada. Así o está sendo nos últimos anos, desde un punto de vista masivo, e confiamos en que esta Semana Santa sexa polo menos tan boa como foi a do ano pasado e a do anterior”.
Suárez Barcia subliñou que “para iso xa temos un reforzo no punto de información turística das Catedrais, que abrimos con este motivo, non soamente no verán senón que agora desde Semana Santa queda aberto e logo durante todos os fins de semana ata o verán tamén vai estar operativo. Ademais temos máis persoal para reforzar a oficina de información turística da vila, porque as persoas que veñen pedir información sobre que facer, que ver, onde comer, onde durmir cada ano afortunadamente son máis”. O punto de información das Catedrais abre desde hoxe ata domingo en horario de 12 a 14 horas e de 16 a 18 horas. A oficina de turismo da vila atenderá aos visitantes de 10 a 14 horas e de 16 a 19 horas. Despois ata as 20 horas o persoal desta oficina prestará atención aos peregrinos que estes días dormen no albergue ribadense. 
O alcalde engadiu que “aparte deste reforzo de persoal en turismo que estamos facendo desde o Concello tamén fixemos un reforzo especial en medio ambiente para ter o mellor posible a nosa vila, as nosas rúas, os nosos espazos públicos”.
Desde o Concello sinalan que o punto de información das Catedrais abrirá ata o verán os sábados, os domingos e tamén os festivos. 
Fernando Suárez Barcia tamén se referiu ao encontro que mantivo nas últimas horas no Concello con representantes de Iberia: “e ademais todo este traballo que nos tomamos moi en serio hai varios anos, cando pretendemos e desde aquela estamos intentando poñer a Ribadeo no mundo como un lugar de visita recomendada e obrigada, agora podemos dicir que estamos avanzando nestas liñas que trazamos en Fitur este mesmo ano, hai dous meses aproximadamente, e xa no día de onte tivemos xuntanzas con representantes da compañía aérea Iberia, tanto en Galicia como en Asturias, para favorecer determinados eventos ao longo do ano. O obxectivo é que por parte de Iberia poidan facer tarifas especiais e ao mesmo tempo ir logrando unha atracción, xa que temos unha das praias máis internacionais do mundo, como é a das Catedrais, queremos facer un binomio das catedrais: por unha parte a feita pola man do home, que está en Santiago de Compostela, e pola outra, a construída pola natureza, que está aquí, en Ribadeo”. 
O rexedor indicou que “quedounos moi boa sensación despois desta xuntanza coas representantes comerciais de Iberia e seguiremos traballando nesta liña porque Ribadeo o merece, polo seu patrimonio, polo seu casco vello, pola praia das Catedrais, polo comercio, pola hostalaría e porque ademais estou convencido de que nesta Semana Santa todo este sector servizos marabilloso que temos en Ribadeo vai esforzarse a tope, vai dar o mellor de si para que toda esta xente que veña a Ribadeo nestes días acaben sendo uns bos embaixadores do noso concello e que falen por aí moi ben de nós, para que no verán veñan eles e moitos máis”.