O IX Encontro de Palilleiras de Burela celebrarase o 30 de maio. Ao evento acudirán mulleres de toda Galicia e do norte peninsular.

O IX Encontro de Palilleiras de Burela celebrarase o 30 de maio. Ao evento acudirán mulleres de toda Galicia e do norte peninsular.
 
O 30 de maio terá lugar en Burela, na nave de redes, o IX Encontro de Palilleiras que organizan a Fundación Expomar e a asociación cultural e artesanal de mulleres palilleiras As Encaixeiras. Colaboran: o Concello, Absa, Deputación de Lugo e Confraría de Pescadores de Burela. O evento presentouse esta mañá no salón de plenos do Concello.
O alcalde, José Mª González Barcia, dixo que “desde o Concello e desde a Fundación Expomar queremos axudarlle a esta asociación que continúen a desenvolver esta actividade. O Concello faino a través da subvención anual que lles concedemos e poñendo á súa disposición os recursos materiais e humanos que precisan para este evento e desde a Fundación Expomar tramítanse os permisos para que o encontro se poida celebrar na nave de redes”.
O rexedor sinalou que “de todos é coñecida a vinculación das palilleiras coa cultura mariñeira. Estas mulleres dedican a esta actividade o seu pouco tempo libre e o seu tempo de espera aos mariñeiros que se atopan fora e grazas á mesma obteñen uns ingresos económicos adicionais. Por esa vinculación co mundo do mar é pola que a Fundación Expomar está presente no encontro ao que acudirán palilleiras chegadas de toda Galicia e do norte peninsular”. 
A inauguración do Encontro será ás 11:30 horas. Despois ás 12 haberá unha degustación de empanada de pescada. Pola tarde ás 16:30 horas os asistentes poderán disfrutar dun desfile a cargo de Javier Eijo y Jacob de la Iglesia. Ademais está prevista a actuación do grupo de baile e canto tradicional Arume. A exposición cos traballos das palilleiras estará aberta de 10 a 13:30 horas e de 16 a 19 horas.