O Concello de Lourenzá organiza unha charla o 9 de abril sobre a venta directa dos produtos primarios para recuperar o Mercado das Prazas, que se celebraba os domingos.

O Concello de Lourenzá organiza unha charla o 9 de abril sobre a venta directa dos produtos primarios para recuperar o Mercado das Prazas, que se celebraba os domingos.
 
O Concello de Lourenzá organiza unha charla sobre a venta directa de produtos primarios para o día 9 deste mes, xoves, ás 20 horas no salón de actos municipal. Correrá a cargo da directora xeral de Produción Agropecuaria da Xunta de Galicia, Patricia Ulloa, e será un paso máis cara a recuperación do Mercado das Prazas, que se celebraba en Vilanova de Lourenzá os domingos e que deixou de facerse hai catro décadas.
A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, explicou que “seguindo co ciclo de charlas que facemos mensualmente o vindeiro día 9, xoves, ás oito da tarde celebraremos a do mes de abril. O tema é o decreto da venta directa de produtos agrícolas, que é o 125/2014 de 4 de setembro e regula en Galicia a venta directa dos produtos primarios desde as explotacións aos consumidores. A persoa encargada de explicar este decreto é a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa. A xente que veña a esta charla poderá aprender que produtos son os que se acollen a este decreto e tamén onde se poden vender, na explotación e nos mercados. E neste segundo caso cales son os requisitos que debe cumprir o produtor para estar dentro da lei á hora de vender”.
A rexedora destacou que “en Lourenzá estamos traballando para sacar un prego de condicións para recuperar o Mercado das Prazas, que había antigamente os domingos. Vai ir encamiñado precisamente a este tipo de produtos, a excedentes de explotacións e á xente que se dedica á venda de produtos da horta e outros como mel, ovos ou incluso artesanía feita polo propio vendedor. Polo tanto animamos á xente que non saiba en que consiste este decreto da venta directa a que veña a esta charla no salón de actos da Casa do Concello, porque é fácil poder vender estes excedentes e cremos que desta maneira vai quedar claro e será como un punto de partida para que veciños do noso concello opten aos postos que vamos ofertar para o Mercados das Prazas”.