Do 4 ao 6 de outubro terá lugar en Ribadeo a XVII Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón, que foi presentada esta tarde pola concelleira de Cultura, Pilar Otero, e pola viúva do dramaturgo, Matilde González. Trátase dunha edición especial porque o seu inicio coincide co décimo aniversario do pasamento de Cortezón. Ata Ribadeo chegarán grupos teatrais de Castro de Rei, Palas de Rei e Vedra.
A edil ribadense dixo que “esta edición ten un carácter especial pois precisamente o día 4 de outubro hai 10 anos do pasamento do autor que homenaxeamos cada ano con esta Mostra. Estamos convencidos de que compartimos co autor de Xelmirez ou A gloria de Compostela a idea do teatro afeccionado como un piar fundamental daquel outro para o que el escribiu. En cada programa da Mostra tentamos mesturar tipos de público, tipoloxía dos textos e mesmo diversificar na procedencia dos grupos aínda que maioritariamente son da provincia de Lugo. A deste ano terá lugar esta fin de semana, como desde hai varias edicións, no Teatro”.
Pilar Otero explicou que “comezamos o venres ás 20.00 horas coa asociación Os Baluros Teatro. É a máis lonxeva das 3 formacións que nos visitan. Orixinouse en 1969, cando un grupo de mozas e mozos de Castro de Rei e Santa Locaia dirixidos pola mestra Olga Vila, montaron a obra Non chores Sabeliña, espertando neles o interese polo teatro. Ao longo destes anos foron pasando polo grupo unhas 50 persoas, superando o número de 250 actuacións as que se fixeron por toda Galiza, Madrid e Cataluña. Traen a Ribadeo a súa obra máis representativa, O Menciñeiro á forza, na que participan varios dos actores e actrices que xa a interpretaran hai máis de 40 anos”.
A concelleira de Cultura seguiu a relatar que “o sábado tamén ás 20.00 horas recibimos a Metátese Teatro, de Palas de Rei que representan Na busca dun traballo. Metátese xurdiu en 1992 coa pretensión de achegar o teatro contemporáneo a todos os públicos, bebendo das correntes máis vangardistas, para interactuar co público e captar o espírito da sociedade actual desde unha perspectiva crítica. E todo isto levado á práctica baixo unha filosofía liberadora e construtiva que emprega o teatro como vehículo para gozar do tempo de ocio. Metátese conta cun amplo historial de montaxes teatrais e organiza a Mostra Internacional de Teatro Amador de Palas de Rei - Teatro no Camiño de Santiago, pola que teñen pasado compañías teatrais de todo o mundo. Coincidindo coa Mostra entréganse os Premios Mácara e Careón, que recoñecen a labor profesional de todos aqueles que dalgún xeito están vinculados ao Teatro Amador. Así mesmo, Metátese colabora xunto con outras entidades da comarca da Ulloa en actividades a prol e na defensa da cultura, o patrimonio e o medio ambiente. Este carácter de dinamizadores culturais tamén o teñen os actores e actrices de Andaravía Teatro, de Vedra, que interpretan o domingo ás 17.30 horas a montaxe para nenas e nenos a partir de 5 anos Brincacontos. Andaravía Teatro é unha compañía de teatro amador impulsada pola Asociación Cultural Papaventos de Vedra, asociación en activo desde novembro do ano 88. Desde aquela teñen no seu currículo moitas montaxes. Do seu labor cultural un dos proxectos máis importantes é a Mostra de Teatro Teatrofilia, referente no teatro amador galego. Esta proposta, Brincacontos, está indicada para público infantil a partir de 6 anos e conta con bruxas, grilos e miñocas no seu elenco. Así que xa saben, se hai pequenos na casa que teñan máis de 5 ou 6 anos poden facer un plan teatral para este domingo. O prezo da entrada é como saben as persoas asiduas de 3 euros”.
Matilde González, a viúva de Daniel Cortezón, sinalou que “cando o Concello puxo en marcha a Mostra de Teatro Afeccionado e lle puxo o nome de Daniel Cortezón, foi unha grande alegría para el. O traballo destes grupos afeccionados que traballan con dificultades, pero con moito entusiasmo son os que axudan a manter vivo o espírito do teatro. Varias das obras de Cortezón foron representadas por colectivos de teatro afeccionado, e digo colectivos pois a maioría das súas obras requiren moitos actores e non é posible ser representadas por un grupo de teatro pequeño”.
González subliñou “a permanente homenaxe e recordo que se lle fai a Daniel Cortezón todos os anos con esta mostra, é neste 2019 máis emotivo posto que o venres, día 4 de outubro, cando comeza cúmprense 10 anos do seu pasamento. Quero das as grazas ao Concello de Ribadeo, á Concellaría de Cultura e moi especialmente a Neves Paz, técnica de Cultura, que é a que ao longo de todos estes anos organizou esta Mostra para que chegue a todos nós e con ela manter o nome de Daniel Cortezón sempre vivo”.
Pilar Otero referiuse a maiores a dous espectáculos infantís que terán lugar xa esta mesma semana: “dentro da programación do APEGO de Ribadeo, a parte da representación do Brincacontos de Andaravía Teatro temos máis propostas para as nenas e nenos. Esta mesma semana terán lugar na biblioteca as dúas última propostas de animación á lectura a partir das artes escénicas que se organizou neste comezo de curso para o alumnado de primaria dos dous centros de ensino, Gregorio Sanz e Sagrado Corazón de Xesús. Parécenos moi importante o contacto dos pequenos coas artes escénicas. Facelo en colaboración cos coles posibilita chegar a un grande número de pícaros que doutro xeito non vería teatro ou contacontos ou música en moito tempo. Esta actividade fai que arredor de 300 nenos e nenas visiten a nosa biblioteca, que é algo que tamén nos interesa. Xa mañá mesmo teatro de marionetas Trécola representa Xogo revolto e o venres Aldaolado fará o propio con A ovella Engracia. Estas funcións forman parte do programa de animación á lectura da Rede de Bibliotecas de Galicia Ler conta moito e xiran arredor da igualdade”.