A Delegación Territorial da Xunta en Lugo comezará o 14 de febreiro en Xove, a rolda de charlas informativas sobre a praga da couza da pataca abertas a todos os veciños e veciñas que estean interesados.
O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que xa se pecharon datas en once concellos da provincia para que os técnicos da Consellería do Medio Rural ofrezan as explicacións oportunas aos afectados.
As datas e horarios confirmados ata o de agora son os seguintes:
- Martes día 14, ás 20 horas, en Xove, no salón de actos do Centro Cívico
- Mércores día 15, ás 12 horas, en Abadín, no salón de actos do Concello
- Mércores día 15, ás 20 horas, en Mondoñedo, no Centro Comarcal
- Xoves día 16, ás 20,30 horas, en Ribadeo, no salón de actos da Casa do Mar
- Venres día 17, ás 20 horas, en Riotorto, no Centro Sociocultural
- Luns día 20, ás 19 horas, en Alfoz, no salón de actos da Casa da Cultura
- Luns día 20, ás 21 horas, no Valadouro, no salón de actos da Casa da Cultura
- Martes día 21, ás 19 horas, en Viveiro, no salón multiusos da Casa do Concello
- Martes día 21, ás 21 horas, no Vicedo, no Centro Sociocultural
- Mércores día 22, ás 19:00, en Barreiros, no local de San Xusto
- Mércores 22, ás 20 horas, na Pontenova, no salón de actos da Casa da Cultura
Cabe lembrar que esta rolda de sesións informativas xa se preveu na primeira toma de contacto que mantiveron o pasado luns o delegado e a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, cos responsables dos 18 municipios lucenses nos que se rexistrou o problema.
Balseiro afirma que a Consellería está a levar a iniciativa para achegar as explicacións oportunas e lograr a colaboración dos afectados co obxecto de frear o avance da praga. Con este obxectivo, mantén abertos os contactos tanto cos produtores como coas organizacións profesionais agrarias e os responsables da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia.
A área afectada pola praga na provincia de Lugo está conformada polos concellos do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Ribadeo, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Alfoz, O Valadouro, Ourol, Abadín, A Pastoriza, Riotorto e A Pontenova.
A consellería adoptou unha resolución que obriga a manter as medidas fitosanitarias establecidas para facer fronte a esta praga. Entre elas, as obrigas para os agricultores de retirar do terreo e destruír todos os tubérculos danados, realizar tratamentos específicos, usar semente libre da praga e colocar trampas con feromonas para a captura do insecto. Tamén permanecen en vigor instrucións para os comercializadores, tales como a obriga de desinfectar os almacéns, aplicar tratamentos fitosanitarios e colocar trampas, así como para o movemento de tubérculos, de xeito que continúa a prohibición de sacar patacas das zonas demarcadas.
Todas estas cuestións serán tratadas en detalle nas charlas que se impartirán nos distintos concellos.