A Concellería de Cultura de Burela programa para a vindeira fin de semana dúas representacións teatrais e a actuación de Leo Bassi, o domingo 22 de abril, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura.
O venres, día 20, a asociación dramatúrxica Pico do Castro de Foz representará a obra Matías está tolo. Será ás 21:00 horas na Casa da Cultura de Burela. A entrada será de balde.
A historia conta como Matías esperta no seu apartamento cunha estraña muller que di chamarse Patricia e que asegura que el a convidou a aloxarse por uns días. A situación complícase aínda máis coa aparición de Xiana, a moza que lle interesa, da que está namorado e que ademais é a súa veciña. Matías está decidido a entregarlle todo o seu amor pero súa nai, sobreprotetora en grao extremo, trata de impedilo. Entradas e saídas permanentes caracterizan esta comedia de enredos que atrapará ao espectador con disparatadas situación durante máis dunha hora.
O sábado, 21 de abril, Baobad Teatro representará Baila Roque baila, ás 18:00 horas na Casa da Cultura de Burela. O prezo da entrada é de 3 euros.
Esta compañía resultou galardoada co premio ao mellor espectáculo infantil en numerosos certames. Nesta ocasión presenta unha obra de teatro dinámica e participativa onde os contos e os bailes teñen cabida. O elenco está formado por Andrea Bayer (actriz) e Oscar Ferreira (director de manipulación da marioneta). A duración da peza é de 45 minutos e está recomendada para nenas e nenos maiores de 1 ano.
E o domingo, 22 de abril, estará en Burela Leo Bassi co seu espectáculo El último bufón. A actuación terá lugar na Casa da Cultura ás 21:00 horas.
El último bufón é un repaso aos seus 40 anos de traxectoria teatral. Unha obra que naceu dun descubrimento realizado por Joanna, irmá de Leo, no arquivo da Fundación Lumiere en Lyon (Francia). En maio de 1896 os irmáns Lumiere filmaron ao seu bisavó Giuseppe e ao seu tío Giorgio cando ambos traballaban no circo Rancy da mesma cidade de Lyon. Son gravacións moi valiosas, probablemente as primeiras imaxes en movemento de pallasos da historia, e a partir das que Leo Bassi porá en escena un espectáculo no que analizará o “paraíso perdido” do mundo dos bufóns cunha comicidade diferente do humor irónico e cínico dos cómicos de hoxe en día.
Leo Bassi di que “esta obra está dedicada ás novas xeracións que se rebelan contra as inxustizas e o cinismo do poder coa esperanza de que a rebeldía e a vitalidade dos bufóns poidan ser inspiradoras en estes tempos confusos”.