Seis entidades de toda a provincia participan, dende este martes e ata o xoves, no programa Coñece a túa provincia da Deputación de Lugo. Esta semana serán colectivos de Lugo, Pantón, O Páramo e Vilalba os que viaxen gratuitamente grazas a esta iniciativa impulsada pola institución provincial para dar a coñecer o patrimonio natural e cultural dos diferentes concellos do territorio e dinamizar así a actividade do turismo, a hostalería e o comercio.
Os percorridos levarán a un total de 120 veciños e veciñas durante estes tres días aos concellos de Sober, Barreiros, Ribadeo, Cervo, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz.
A Asociación Orfeón Xoan Montespercorreu este martesa Produtora de Audiovisuais da institución provincial da man do Deputado de Promoción Económica e Social, PabloRivera Capón, que destacou que con esta iniciativa“buscamos apoiar a actividade económica, econsolidar un modelo de turismo de calidade, sostible, que aposte polas experiencias”. Tras esta parada, estes veciños e veciñas de Lugo viaxarán ao sur da provincia, onde participarán nunha demostración de olaría tradicional na reitoral de Gundivós, visitarán a igrexa románica de San Xiao de Loibos e farán un percorrido nun catamarán da Deputación polo Canón do Sil antes de parar a comer en Sober. Unha ruta que percorrerá o xoves a Asociación de Veciños Alexandre Bóveda-Paradai, de Lugo.
Tamén esta mañá a Asociación O Piñeiro de Santa María de Tuiriz, de Pantón, visitou o Mazo de Santa Comba. Logo, este grupo desprazarase á Mariña para descubrir a riqueza natural de Barreiros e facer un recorrido a pé polo paseo marítimo ata a praia de Arealonga. Tamén visitarán As Catedrais e Rinlo e desfrutarán do casco histórico ribadense, seguindo as pegadas do Ribadeo indiano e dos comerciantes.
Xa mañá mércores, a veciñanza da Asociación Saa O Páramo parará nas instalacións do Mazo de Santa Comba da Deputación antes de viaxar ao concello de Cervo, onde coñecerá a fábrica de Sargadelos, o paseo dos Namorados e a vila de San Cibrao. Visitarán tamén outros lugares de interese como a praia do Torno ou o Museo do Mar. Na mesma xornada, os veciños e veciñas da Asociación de Insua Zoqueira, de Vilalba viaxará á Montaña logo de coñecer o Centro de Interpretación Terras do Miño. Visitarán a seimeira de Vilagocende e o Museo Comarcal da Fonsagrada, ademais dunha adega no concello de Negueira de Muñiz.O xoves será a Asociación Cultural Liga Santaballesa, de Vilalba,a que seguirá este itinerario.
Polo turismo de proximidade
Máis de 3.000 persoas de 135 asociacións beneficiaranse das viaxes gratuítas pola xeografía lucense nesta segunda tempada do Coñece a túa Provincia. As saídas terán lugar en dúas quendas que permitirán coñecer a provincia en primavera, entre marzo e xuño, e en outono, de setembro a novembro.
O programa inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas son realizadas por profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e polo persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.