Ribadeo súmase un ano máis á campaña de denuncia e sensibilización social contra a violencia de xénero promovida por máis de 73 Concellos galegos #EnNegroContraAsViolencias. A Concellaría de Igualdade anima aos establecementos comerciais e de restauración, oficinas e negocios a tinguilos de negro do 23 ao 26 de novembro e á xente a asistir a un acto que se desenvolverá o 24 deste mes no Cantón.
Desde Igualdade lembran que “o ano pasado 17 Concellos galegos fomos quen de impulsar unha campaña de denuncia e mobilización social contra as violencias machistas nos nosos municipios. A boa acollida da campaña desenvolvida en 2016 polos Concellos de A Coruña, Ames, Cangas, Carballo, Compostela, Ferrol, Lugo, Poio, Pontevedra, Ribadeo, Sada, Sarria, Teo, Tui, Vilalba e Zas foi o punto clave que está motivando a participación de tantos municipios nesta acción, que consiste en tinguir de negro o mapa galego”.
A Concellaría de Igualdade fai un chamamento e convite a participar da campaña, “a ser axentes activos na loita contra as violencias de xénero e a tinguir de negro o noso concello. Queremos contar coa implicación de toda a cidadanía e de todos os sectores económicos, sociais e culturais”.
Desde o Concello ribadenses subliñan que “os establecementos comerciais, e de restauración, oficinas e negocios tedes o protagonismo das rúas e sodes o mellor escaparate para poder transmitir á cidadanía a mensaxe de denuncia e solidariedade: queremos un Ribadeo libre de violencia. Instámovos a que participedes na acción Ribadeo en negro 2017”.
@s interesad@s en participar deben enviar un correo electrónico a ribadeoennegro@gmail.com cos datos do establecemento (nome e enderezo) e da persoa de referencia (nome e teléfono).
Desde a Concellaría de Igualdade piden que “do 23 ao 26 de novembro, viste a túa tenda, comercio, empresa, bar, posto do mercado… de negro, viste os manequíns, os manteis do teu restaurante, ou a ti mesmo/a de negro. Nos enviarémoslles material e información que tamén compartiremos nas redes sociais”.
E engaden: “tamén nos gustaría que a cidadanía participase activamente no acto que se desenvolverá o 24 de novembro no Cantón ás 12 da mañá. E ademais quen queira que colgue das súas ventás e/ou balcóns prendas de cor negra (camisetas, teas) para facermos entre todas e todos ese Ribadeo negro”.