Ribadeo celebrará o 25 aniversario como destino turístico e os 20 anos como Ben de Interese Cultural o vindeiro 3 de abril

Ribadeo celebrará o 25 aniversario como destino turístico e os 20 anos como Ben de Interese Cultural o vindeiro 3 de abril nun acto, que se desenvolverá no auditorio municipal, e que contará coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda. 

O alcalde, Dani Vega, contou esta mañá que “Ribadeo celebra 25 anos de destino turístico e 20 anos de BIC (Ben de Interese Cultural). Vainos acompañar o presidente da Xunta. Sete municipios de todo Galicia celebramos ser ese destino turístico. Estamos a falar de Pobra de Trives, de Lieiro, de Monterrei, Sanxenxo, Baiona e Mondariz Balneario. Sete municipios que hai 25 anos foron declarados destinos turísticos por parte da Xunta de Galicia. Recordar isto quer dicir que durante todo un proceso fomos medrando e fomos traballando estratexicamente por ter un turismo de calidade, un turismo estratéxico e un turismo que vai en consonancia con todos os sectores de Ribadeo”.

O rexedor dixo: “BIC 20 anos de traballo incansable por conservar o casco histórico, por dinamizar o casco histórico e investir no casco histórico. É verdade que o Concello e todos os gobernos municipais traballaron para ter un casco vello dinámico, vivo, é dicir, o casco vello máis habitado de todo Galicia, o mellor conservado. E polo tanto, iso é un traballo que se fixo por parte de todos os concelleiros, por parte de todos os gobernos locais, pero tamén por parte de todos os técnicos municipais que souberon entender moi ben a normativa vixente. Polo tanto, dinamizar non é deixar facer o que se queira, dinamizar é dar vida, é crear, é apostar por unha zona que ten que estar en permanente dinamismo, pero sempre baixo criterios técnicos e cumprindo a normativa”.  

Vega sinalou: “un destino turístico Ribadeo e sete municipios máis de todo Galicia.  Recordar para saber de onde vimos, pero que camiño queremos coller, mellor dito ¿a onde nos queremos dirixir? A un turismo de cantidade? Evidentemente, non. Ímonos a ese turismo de calidade,  a ese turismo que quere trasladar que hai que convivir permanentemente todos, os que habitamos aquí e os que nos veñen visitar. Non apostamos por invadir, por invasións, non. Apostamos máis por ese turismo que cree na desestacionalización, aposta por unha hostalería de calidade, por unha restauración que traballa e mima, por uns hoteis que coidan. É dicir, somos un destino turístico porque o fixo a administración autonómica ou porque o fixo a administración local?  Non. É porque se soubo traballar dende o interese privado e o interese público. As dúas patas son importantes. Se falla unha quedariamos tocados. Aquí hai que seguir agradecendo o traballo que fixeron tamén a iniciativa privada, a restauración, a hostalería, todo un sector servizos que son axentes turísticos permanentemente”. 

O alcalde cre que “entre todos podemos seguir dando pasos importantes e creo que Galicia,  no conxunto,  é unha marca moi potente. Si desde a Xunta están potenciando Galicia Calidade, Ribadeo forma parte desa calidade que suma e que fai máis grande o noso país”. 

E subliñou: “un aniversario que celebraremos o 3 de abril no auditorio, onde van acudir todos os alcaldes e alcaldesas que cumpren 25 anos de destino turístico, que vai a acudir o presidente de Galicia, e moi agradecido de que asista todo o pobo de Ribadeo para tamén recoñecer a súa labor. Se nós dicíamos que todos os gobernos locais traballaron incansablemente, tamén vamos a convidar a que participen neste acto, Balbino Pérez Vacas e José Carlos Rodríguez Andina. Foron dous alcaldes, un que traballou para recoller esa distinción de 25 anos, foi grazas a Andina porque iniciou toda a tramitación para ser un destino turístico; e se somos BIC é tamén grazas a Balbino Pérez Vacas, que traballou para que se declarara toda a zona vella un ben de interese cultural. Polo tanto, entre todos recordar para seguir traballando e así Ribadeo siga avanzando”.