O Concello de Viveiro xa ten lista a súa programación de Nadal, cun amplo calendario de actividades de cultura e lecer, maxia e sorpresas para os nenos e nenas, algunhas das cales se darán a coñecer nas próximas datas.
O Concello ten loxicamente previstos todos os escenarios pola situación sanitaria e tivo un conta as restricións e protocolos expedidos polas autoridades sanitarias, que se aplicarán exhaustivamente en cada unha das citas programadas.
A concelleira de Cultura, Lara Fernández, destaca “a aposta pola cultura segura, con espectáculos de pequeno formato e pasarrúas, seguindo a estela da iniciativa De Ruada que agora será Ruada de Nadal”.
“Ademais, temos moitas sopresas e iniciativas novedosas como ‘Tras os pasos de Elfo’, pensadas para os máis pequenos, son unhas datas máxicas para eles e este ano seguirá sendo así”, engade.
En palabras da alcaldesa, María Loureiro, “somos moi conscientes da realidade sanitaria, por iso desde o Concello de Viveiro organizamos unha programación de Nadal desde o entusiasmo pero coa cautela e precaución precisas. Serán unhas festas diferentes pero igualmente especiais”.
Haberá contacontos, unha gala de maxia o 28 de decembro, obradoiros, o mercado ‘A Trastenda de Nicomedes’ e o tradicional concerto de Nadal da Banda Municipal de Música o 2 de xaneiro, entre outras actividades.
Nas próximas semanas e en función da evolución epidemiolóxica, o concello concretará outras actividades, como a programación do 5 de xaneiro, coincidindo coa chegada dos Reis Magos.