Preto de 200 persoas viaxan ata o 4 de outubro á Mariña, á Montaña e á Ribeira Sacra grazas ao programa Coñece a túa provincia da Deputación

Preto de 200 persoas viaxarán esta semana á Mariña, á Montaña e á Ribeira Sacra grazas ao programa Coñece a túa provincia da Deputación de Lugo. Un total de oito colectivos de Guitiriz, Lugo, Vilalba, Pol e Ribas de Sil percorrerán ata o venres o territorio lucense a través deste programa de viaxes gratuítas que a institución provincial ofrece a entidades sen ánimo de lucro co obxectivo de dinamizar o turismo e a economía local.

Hoxe, a asociación de nais e pais do colexio público de Lagostelle (Guitiriz) viaxarán a Cervo e a Peña Gastronómica do Barrio Milagrosa (Lugo) á Fonsagrada. Os primeiros pararán a coñecer a produtora do Servizo de Audiovisuais da Deputación antes de continuar a ruta cara a fábrica de Sargadelos e San Cibrao, onde coñecerán a carpintería de Ribeira, a praia do Torno e o Museo do Mar. Os segundos visitarán o Pazo de San Marcos antes de seguir cara o Museo Comarcal da Fonsagrada, unha fábrica de embutidos e unha visita á seimeira de Vilagocende.

O mércores a asociación veciñal Ínsua Zoqueira (Vilalba) e a asociación de nais e pais do alumnado de Santo Estevo (Guitiriz) viaxarán á Ribeira Sacra. Os vilalbeses escolleron a ruta de Chantada e O Saviñao, que lles levará a visitar a igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, o casco histórico chantadino, a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño e unha adega. Pola súa banda, os guitiricensesdescubrirán os concellos de Sober e Monforte, que inclúe un percorrido en catamarán polo Canón do Sil.

Desde Pol, as Mulleres Rurais Olvido escolleron tamén a zona de Sober e o xoves visitarán a reitoral de Gundivós, un dos miradoiros sobre o Sil e unha adega de Amandi. Ademais, a asociación de San Vicente de Pías Río de Marcos, de Lugo, fará tamén o xoves a ruta da Fonsagrada. 

Rematarán a semana as asociacións de Remeite de San Clodio, de Ribas de Sil, e Mestura de Nete, de Vilalba. Os primeiros irán a Viveiro, a desfrutar dunha viaxe que inclúe visita ao miradoiro de San roque e ao casco antigo viveirense. Os segundos porán rumbo á Montaña lucense para descubrir Piornedo e visitar a vila de Navia de Suarna.

O programa Coñece a túa Provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.