Pedras de Cartón presenta o 24 de abril en Viveiro "Lázaro de Tormes", unha adaptación para o público infantil deste clásico da literatura.

Pedras de Cartón presenta Lázaro de Tormes este sábado, 24 de abril, no Teatro Pastor Díaz, de Viveiro. A actuación dará comezo ás 18:00 horas e está dirixida a nenos e nenas a partir de 5 anos.
 
Trátase dun espectáculo baseado no coñecido clásico da literatura, contado case sen palabras, a través da adaptación de Juan Rodríguez. Pensado para toda a familia, está narrado en clave de comedia, a través dun traballo de máscaras dirixido por Pablo Sanchez e Laura Sarasola, e unha banda sonora orixinal creada por Davide González.
 
O elenco, formado por Xosé Esperante, Xosé Vilarelle e Juan Rodríguez, dá forma a cada unha das pasaxes máis coñecidas desta universal historia da picaresca española. Unha maneira de introducir o amor polo teatro clásico aos máis novos da casa.
 
Esta montaxe recibiu unha Mención Especial do Xurado no 43 Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro.
 
A reserva de entradas pódese facer no teléfono 982 560 162 ou no correo electrónico rbg.cultura@viveiro.es.