A parroquia de Vilaronte, no municipio de Foz, celebra o XLVI Festival do Emigrante este sábado, 21 de agosto. Da organización encárgase a asociación cultural O Castro, de Vilaronte, que explica que “o ano pasado non puido ser, este tampouco vai ser coma sempre, pero esperamos que o disfrutedes o mellor posible dada a situación actual; nós vamos poñer todo da nosa parte para que así sexa”.
As actividades comezarán ás 9 da mañá coa ruta de Cornería, con saída desde o local da asociación cultural o Castro. Ás 13 horas haberá misa na honra dos emigrantes falecidos e ofrenda floral, na igrexa parroquial de Vilaronte. Despois terá lugar unha sesión vermú amenizada por Acordeonistas da Mariña.
Ás 17:30 horas haberá xogos populares para todos, con tiro da corda, sacos bolos, etcétera. E rematarán os actos ás 20:30 horas cunha representación a cargo do grupo de teatro Axóuxeres, que presentará a obra Cousas de mulleres. O aforo é limitado e para reservar as entradas hai que chamar ao teléfono 627.47.46.75.
Para este evento a asociación cultural O Castro, de Vilaronte, conta coa colaboración da Deputación de Lugo e do Concello de Foz.