A oferta para este verán da Concellería de Medio Ambiente burelesa inclúe tamén paddel surf desde o 10 de xullo ao 31 de agosto, segundo deu a coñecer no día de hoxe a edil Noelia Mª Ben.
A actividade está destinada a rapaces con idades comprendidas entre os 10 e os 16 anos. Os interesados en participar poderán inscribirse os días 25 e 26 de xuño de 8 a 11 horas na Casa do Concello. As fichas para anotarse poden atopalas na Biblioteca e no propio Concello.
Noelia Mª Ben subliña que “a lista de admitidos publicarase o 29 deste mes e a adxudicación de prazas farase por rigorosa orde de inscrición, sempre que cumpran cos requisitos esixidos. Teñen que saber nadar e estar empadroados/as en Burela”.
A concelleira de Medio Ambiente engade que “ofertamos un total de 40 prazas para esta actividade, que se impartirá na praia do Portelo os martes e os venres. Haberá dous grupos cada día ás 10:30 e ás 11:30 horas”.