O Concello de Burela e o Club de Tenis A Marosa presentan unha nova edición do Torneo Memorial José Luis Yebra, en lembranza do socio do club falecido no ano 2015 e un dos grandes impulsores deste deporte na localidade.
A competición, consolidada nesta xa oitava edición, desenvolverase nas instalacións da Marosa con partidos de individual absoluto, dobres absoluto e xóvenes promesas (divididos en dúas categorías por idade).
O prazo de inscrición xa está aberto e pódese realizar ben chamando aos teléfonos 687 433 380 / 630 744 347 ou ben no correo electrónico clubdetenispadelamarosa@outlook.com ata o vindeiro 14 de xullo, data na que se pechará dita inscrición.
O concelleiro de deportes, Ramiro Fernández, presente na presentación do memorial, quixo agradecer “ao club de tenis o traballo para conseguir manter e dar continuidade a este torneo, a través do cal tamén se mantén viva a memoria e o legado de José Luis Yebra”, destacou, asegurando que se porán a disposición “os recursos que temos no concello para facilitar o desenvolvemento do torneo”.
Desde o club animaron á participación nesta competición que cada ano gaña máis seguidores e público nas gradas, así como novos xogadores que se incorporan ás pistas, “nas que se pode observar un bo nivel e un espectáculo deportivo digno de ver”.
Neste senso, o edil confirmou que “o torneo supón un atractivo deportivo e turístico máis para Burela, posto que se xunta moita xente para desfrutar da competición e se promoven valores deportivos moi importantes para a nosa sociedade”, explicou, “un froito que recollemos de todo o labor que fai o club de tenis”.