O Teatro Pastor Díaz, de Viveiro, acolle dúas representacións teatrais esta semana: venres 13 e sábado 14 de maio. Serán ás 20:30 horas
O venres 13 Náufratos teatro presenta Karelu, incluída no programa de dinamización lingüística FalaRedes. É unha representación de teatro contemporáneo para adultos cunha duración de 70 minutos. Os autores son Ismael G. Candal e Gustavo del Río, que tamén é o director. Os actores son Denis Gómez e Santi Cuquejo.
Karelu fala da educación na contorna familiar, da violencia e da crise de valores na sociedade actual.
E o sábado 14 Condetrespés en coprodución co Centro Dramático Galego presenta Rastros, de Roberto Vidal Bolaño. É unha obra de teatro contemporáneo para adultos cunha duración de 90 minutos. O director é Lois Blanco e o elenco artístico está formado por Antea Rodríguez, Muriel Pernas, Pablo Carrera e Mateo Franco.
A protagonista de Rastros, Esther, é unha muller descaradamente libre. Seguramente anticipada ós tempos de hoxe. Acostuma a dicir o que pensa e facer o que sinte, sen prexuízos. Intentou evitalos pero sen éxito. É un dos personaxes femininos máis interesantes que produciu a dramaturxia galega, unha libertaria finisecular que tería topado o seu lugar nas manifestacións feministas de hoxe. Rastros pivota sobre a súa liberdade e, ó mesmo tempo, polas debilidades que a fan muller galega do seu tempo.