A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, anuncia que o Maratón Autonómico Urbano 2024 de Special Olympics Galicia celebrarase o día 25 de maio no municipio. O evento convocará, entre participantes e organización, a unhas 350 persoas.
Este maratón está organizado por Special Olympics Galicia, promovido pola Asociación de Pais de Persoas Con Discapacidade Intelectual de Viveiro (ASPANANE), e coa colaboración da federación de asociacións a favor das persoas con discapacidade intelectual FADEMGA - Plena Inclusión Galicia, do Concello de Viveiro e da Deputación de Lugo.
O anuncio prodúcese logo dunha reunión que tivo lugar este luns na Casa do Concello entre a alcaldesa, o xefe local de Protección Civil, Manuel Expósito, e máis varias persoas representantes da organización: a xerente de ASPANANE, Elena Santos Cociña; a directora de Special Olympics Galicia, Eunice Mosquera; e o presidente desta mesma entidade, Eladio Fernández Pérez.
María Loureiro sinalou que “a inclusión no deporte e en todos os ámbitos da sociedade é unha prioridade para o Concello de Viveiro, polo que é unha honra para nós acoller a celebración deste evento tan importante e necesario”.
No maratón haberá catro carreiras diferentes coas seguintes distancias: 4.000 metros, 1.500 metros, 800 metros e 300 metros. Todas as persoas participantes nas probas recibirán unha medalla como recoñecemento ao seu traballo e esforzo.
O evento ten como obxectivo ser unha competición igualitaria e normalizada, na que se reivindique que as persoas con discapacidade intelectual poden practicar deporte independentemente das súas capacidades. Busca, así mesmo, sensibilizar e concienciar á sociedade sobre esta cuestión.
A chegada dos participantes a Viveiro está prevista para as 10:30 horas do 25 de maio. Ás 10:45 horas terá lugar o acto de inauguración e o desfile dos e das deportistas. O maratón será de 12:00 a 14:00 horas.