O IV Torneo Marosa Cup celebrarase en Burela do 28 ao 30 de setembro. O evento terá unha repercusión moi positiva na hostalería, segundo o Concello.

No Concello tivo lugar a presentación do IV Torneo Marosa Cup, que se desenvolverá en Burela do 28 ao 30 de setembro. No acto participaron o presidente da AFD Porto de Burela, José Manuel Ares, o alcalde, Alfredo Llano, e o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey. 

O edil burelés explicou que “vimos de presentar unha nova edición do torneo Marosa Cup, que se está convertendo evidentemente nun referente en canto á práctica futbolística a nivel das categorías inferiores. O Concello, como non podía ser doutra maneira, segue colaborando en todos estes actos e competicións que se organizan por parte dos distintos clubs de Burela”.

Fernández Rey subliñou: “temos que agradecer a achega que fai a Deputación de Lugo, a través da súa Área de Deportes, que nos bota unha man nos gastos deste torneo e que menos que agradecer esa axuda. Vamos xuntar un montón de rapaces ese fin de semana en Burela, co cal vai ter unha repercusión moi positiva no pobo, especialmente en toda a hostalería”.

O concelleiro de Deportes engadiu: “este ano amplíanse as competicións: vai haber torneo de veteranos e torneo feminino tamén. Co cal este evento vai a máis e desde logo o Concello vai seguir colaborando activamente no desenrolo do mesmo”.