A segunda edición do Foro Económico do Concello de Viveiro celebrarase do día 14 de decembro, sábado, desde as 11:00 horas na Sala Multiusos municipal.
O Concello de Viveiro anuncia que “a Tenencia de Alcaldía, a través da Concellería de Promoción Económica, organiza o II Foro Económico de Viveiro, unha cita fundamental para analizar o pasado, presente e futuro da economía de Viveiro e A Mariña, contando coa participación de expertos de recoñecido prestixio”.
Míriam Bermúdez destaca que o evento ofrece "unha oportunidade única para coñecer en profundidade a evolución económica de Viveiro e A Mariña, explorar novas estratexias de crecemento e fortalecer redes de colaboración na comarca".
A tenente de alcaldesa e a concelleira de Promoción Económica, Iria Cotelo, animan á asistencia dunha programación que anuncia sorpresas na exposición das ponencias. “Os ponentes deste ano son unha mostra do alto nivel deste foro. As súas intervencións permitirán aos asistentes entender mellor o contexto económico de Viveiro e, sobre todo, inspirarse para construír un futuro con máis oportunidades”, asegura Cotelo.
Xoán Carmona Badía (catedrático emérito de Historia e Institucións Económicas da Universidade de Santiago de Compostela (USC), experto en historia industrial) ofrecerá a conferencia "Do pasado ao presente: historia da transformación económica de Viveiro e A Mariña", na que analizará os fitos históricos que marcaron o desenvolvemento económico do concello e a comarca.
Francisco Xavier Martínez Cobas (profesor titular de Economía Financeira e Contabilidade na Universidade de Vigo (UVigo) e investigador en pequena e mediana empresa, cooperación transfronteiriza e capital intelectual) falará de "Presente: radiografía económica actual de Viveiro e A Mariña" e ofrecerá unha análise da situación económica real do contexto actual de Viveiro.
Antón Losada Trabada (profesor titular de Ciencia Política da USC e investigador principal no CISPAC da USC) será o presentador do foro e o moderador da mesa redonda "O futuro da economía e a industria en Viveiro e A Mariña: desafíos e estratexias". O tamén comentarista e analista “asegurará unha discusión enriquecedora cos ponentes e coa interacción do público, con achegas clave para o crecemento do concello da comarca”.
Ao remate do evento a Concellería de Promoción Económica entregará o recoñecemento empresarial do ano.