O Teatro Pastor Díaz, de Viveiro, acolle o 18 de febreiro a representación da obra Rubicundo a cargo do grupo Ghazafelhos. Será ás 18:00 horas.
Dirixida a un público infantil a partir de 5 anos é unha adaptación dun texto de María Canosa baixo a dirección de Pepablo Patiño. O elenco artístico está composto por Pepablo Patiño, Montse Piñón e Jorge Casas.
Conta a historia de Rubicundo quen todas as noites sae na súa bicicleta enriba da árbore do seu xardín rumbo á noite pecha. Semella que ninguén repara nesta personaxe, enfundada nun gabán e sombreiro de copa. Ninguén agás Erea, disposta a chegar ate o fin daquel misterio. Rubicundo cóntanos unha fermosa historia sobre a amizade, a constancia e a poesía, abríndonos a posibilidade de perseguir os nosos soños sen sentir límites nin distancias.