A Concellería de Cultura programa para este sábado, 19 de decembro, unha actuación do grupo de teatro local O Torques, que estreará a súa última montaxe O Randiña. Será no Auditorio Municipal ás 20:30 horas. A entrada será de balde.
Trátase dunha comedia que recrea as peripecias dun vagabundo no seu afán de evitar que se lle arrebate o único lugar que considera o seu fogar, un banco de praza. Este singular personaxe fará fronte á indiferenza, o abuso e a marxinación tendo como única arma o seu inxenio e astucia, e logrando sortear cada situación que se lle presenta para saír ben librado.
A peza convídanos a facer unha análise da nosa vida e do noso papel na sociedade dende unha perspectiva distinta.
A Área de Cultura da Deputación de Lugo colabora na organización deste evento.