O Concello de Viveiro, a través da Delegación de Cultura, presenta para este mes de agosto “De Ruada”. Trátase dun novo proxecto que aposta pola cultura e a música nas rúas e polo factor sorpresa como forma de evitar aglomeracións.
Este proxecto pioneiro, cuxo slogan é “Cultura de rúa para a xente das rúas”, tivo que aprazarse no mes de xullo polo rebrote de coronavirus na comarca da Mariña. Agora, Viveiro retoma De Ruada durante os sábados de agosto, recorrendo as vías de Viveiro, Celeiro e Covas. Con este novo formato de pasarrúas, preténdese que os veciños se atopen coa música por sorpresa nas rúas, garantindo así a distancia social.
Desde a Concellería de Cultura víronse na obriga de facer un novo calendario e aprazar os espectáculos de gran formato, como a Romaría de Naseiro, para o ano que ven, pero mantendo este verán o compromiso co sector cultural. Por isto, a concelleira de Cultura, Lara Fernández, ven de propor unha programación alternativa para este verán tan atípico, co fin de continuar coa programación cultural do Concello mentres non se retoma a nova normalidade cultural prevista para este outono.
A alcaldesa, María Loureiro, declarou que “aínda que este verán sexa diferente, sempre haberá un lugar para a cultura, tendo sempre en conta as recomendacións sanitarias e a necesidade de preservar a saúde. Temos que manter a actividade cultural e de ocio durante agosto, polo que apostamos por esta iniciativa de animación das rúas. Será unha gran sorpresa para todos”.
Ademais de explorar outras formas de facer cultura, De Ruada aposta este mes de agosto pola cultura galega e local que brindarán grupos como Organeta, Os Bregadiers, Cé Orquestra Pantasma e Latexo Percusión, que ofrecerán a veciñanza de Viveiro e aos turistas que se acerquen a desfrutar da vila unha programación que mestura os ritmos e instrumentos tradicionais con propostas máis vangardistas e ritmos de swing, jazz e rock&roll.
Ao marxe desta nova iniciativa, o Concello de Viveiro traballa nunha programación alternativa para o mes de agosto e que substitúa ás grandes festividades coma a Romaría de Naseiro, respectando sempre as recomendacións e protocolos sanitarios.