O Concello de Viveiro presenta as actividades que haberá na piscina municipal este curso 2024-2025

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e o xerente da piscina municipal, Martín Rodríguez, presentaron hoxe, venres, os cursos e as actividades deportivas que haberá este curso nas instalacións.

“Mantemos todos os cursos de natación para os nenos e ampliamos as actividades dirixidas ás persoas maiores”, asegura María Loureiro, que considera “prioritario ofrecer aos veciños e veciñas a posibilidade de practicar actividades para manterse en forma”.

Natación Infantil ofertase para nenos e nenas nados entre 2019 e 2020, mentres que Natación Nenos será para os nados entre 2011 e 2018. As escolas ofertaranse para os nados entre 2018 e 2009.

A preinscrición farase de maneira presencial e posteriormente sortearanse as prazas. Cada neno poderase pre-anotar nun único grupo e asignaráselle un número no momento da pre-inscrición, informando do total de prazas ofertadas para o posterior sorteo. Será preciso facer unha proba de nivel co fin de asignar a cada alumno no grupo correspondente. Para o primeiro trimestre o prazo de preinscrición será do 9 ao 23 de setembro e o sorteo farase o día 24 de setembro. A data de comezo dos cursos será o 2 de outubro e finalizarán o 19 de decembro.

O sorteo será aberto ó publico e farase na piscina municipal o día 24 de setembro ás 12:00 horas. O resultado será publicado no taboleiro da piscina.