O alcalde, Fernando Suárez, anuncia que se restrinxe a atención presencial nos diferentes servizos municipais, de non seren casos urxentes, debendo realizarse preferentemente de xeito electrónico ou telefónico. Ademais desde hoxe e ata o 27 de marzo, quedan pechadas as instalacións de titularidade municipal: pavillóns polideportivos, piscina, biblioteca, salas de exposicións, lavadoiro dos fornos, Cine Teatro, auditorio municipal, albergue de peregrinos, telecentro, oficina de turismo, Casa das Algas, zonas de xogo infantís, biosaudables e parques de titularidade municipal. Queda suspendida a actividade na Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo e queda cancelada a celebración de calquera actividade organizada polo Concello.
O rexedor ribadense declarou que “á vista da situación de emerxencia de saúde pública que está a ter o coronavirus Covid 19, e de acordo coas instrucións que están sendo publicadas tanto no Boletín Oficial do Estado por parte do goberno do Estado como no Diario Oficial de Galicia pola Xunta de Galicia, desde o Concello de Ribadeo estamos adoptando a partir de hoxe e cunha duración ata o 27 de marzo, sen prexuízo da posibilidade de ampliar os seus efectos ou modificar nos sucesivos días unha serie de medidas preventivas”.
Suárez Barcia explicou que “en primeiro lugar se restrinxen a atención presencial nos diferentes servizos municipais tanto das oficinas xerais do Concello como nos Servizos Sociais, Casa da Cultura, Casa da Xuventude, etc…, de non ser en casos urxentes, debendo realizarse preferentemente de xeito electrónico ou telefónico. Queremos indicar que, para evitar desprazamentos innecesarios, recomendase a calquera cidadán ou cidadá que queira achegarse de maneira presencial, que previamente contacte por vía telefónica co Concello para determinar a urxencia do seu caso ou a posibilidade de resolvelo sen necesidade de acudir ás dependencias municipais”.
O alcalde seguiu a relatar que “en segundo lugar se establece o peche ao público dunha serie de instalacións de titularidade do Concello de Ribadeo como son: os pavillóns polideportivos, a piscina municipal, a biblioteca, as salas de exposicións, o Cine Teatro, o auditorio municipal, o albergue, o telecentro, a oficina de turismo, a Casa das Algas, as zonas de xogo infantís ou os parques biosaudables, sempre que sexan de titularidade municipal. En terceiro lugar, de acordo tamén co que anuncia a Consellería ao respecto da suspensión das clases en todos os niveis educativos, suspéndese a actividade lectiva da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo a partires deste vindeiro luns, 16 de marzo, por un período prorrogable de 14 días. No que queda de xornada e mañá, aínda que se recomenda a non asistencia, o centro permanecerá aberto no horario habitual para facilitar a organización e a conciliación das familias”.
O alcalde dixo que “en cuarto lugar, establecemos o peche de calquera outra instalación, xestionada polo Concello de Ribadeo, que sexa análoga ás anteriores que acabo de dicir e non comprendida nesa relación, nas que se celebren actividades abertas ao público, agás as dependencias administrativas ou aquelas outras que alberguen servizos esencias para a cidadanía coas limitacións que estaba indicando anteriormente”.
Suárez Barcia subliñou que “recomendamos tamén ás asociacións, ás entidades privadas e a outras agrupacións que suspendan as actividades programadas para os próximos días. Suspendemos a eficacia das autorizacións no uso de locais e espazos municipais para asociacións, entidades, etc… Suspendemos tamén a eficacia das autorizacións outorgadas para a celebración de actos que supoñen a concentración de grupos numerosos de persoas. Cancelamos a celebración de calquera actividade organizada polo Concello nos recintos respecto dos cales se establece este peche e indicar que estas normas terán vixencia con carácter xeral ata o 27 de marzo. Isto querémolo facer de comunicación xeral e pedimos que todo o mundo siga vivindo e actuando con calma e serenidade, e que atenda ás responsabilidades e ás recomendacións sanitarias tanto das autoridades galegas como estatais”.