O Concello ribadense organiza unha xornada para redescubrir a Ría de Ribadeo con motivo da celebración do Día Internacional dos Humidais. Será o vindeiro 18 de febreiro.
“Este ano co gallo do Día Internacional do Humidais o Concello de Ribadeo en colaboración con Enrique Sampedro, administrador do blog Ría de Ribadeo, e Óscar Chao, administrador da páxina de facebook Aves e Natureza de Ribadeo, celebra de novo esta efeméride. Así o vindeiro sábado, 18 de febreiro, invitámoste a redescubrir a Ría de Ribadeo, incluída na Rede Natura 2000 e no convenio Ramsar, declarada Zona Húmida de Importancia Internacional e polos seus valores en diversidade biolóxica declarada Reserva da Biosfera. É na actualidade un dos humidais máis importantes de Galicia polos seus valores ecolóxicos e diversidade”, explican desde o Concello.
Tamén anuncian que durante a xornada realizaranse as seguintes as actividades: ás 10 da mañá levarase a cabo unha saída ornitolóxica pola Ría de Ribadeo para observar aves guiada por Enrique Sampedro e Óscar Chao. Para participar é necesario reservar previamente no teléfono da oficina de turismo ribadense (982.128.689); ás 14 horas haberá un xantar no monte de Santa Cruz; e ás catro da tarde na Casa da Ría terá lugar a conferencia titulada Os humidais: educando na contorna natural, a cargo de Óscar Chao, que, ademais de administrador da páxina de facebook Aves e Natureza de Ribadeo, é biólogo especializado en Bioloxía Mariña, profesor de Bioloxía en Secundaria e ornitólogo afeccionado.
A organización das actividades recomenda aos participantes que leven comida, roupa e calzado cómodos así como prismáticos.