Dende a Concellería de Inmigración, Cooperación e Integración realizará unha serie de actividades de sensibilización para nenos e nenas e uns concursos de lemas e debuxo para conmemorar o Día internacional para a Eliminación da Discriminación Racial, que se celebra o vindeiro 21 de marzo.
A concelleira de Integración, Noelia Mª Ben, contou que “organizaremos unha nova edición da Ocainmigrante para o alumnado de 3º de Primaria dos Ceips municipais, Ceip Virxe do Carme e Ceip Vista Alegre, coa colaboración da aula de Medio Ambiente Gaia. Serán os días 23 e 24 de marzo. Con esta actividade preténdese sensibilizar aos máis novos sobre esta temática e ensinarlles a ver o mundo dende outra perspectiva, así como facelos conscientes das necesidades existentes no mundo que nos rodea. Mediante distintas probas van coñecendo aspectos como o racismo, inseguridade e desamparo, acollida, pobreza, tolerancia e respecto, guerras, marxinación, malos salarios, rexeitamento, integración, inxustiza…”.
A edil burelesa explicou que “tamén convocamos os IX Concursos de Lemas e Debuxo e Pintura para o Día Internacional para a eliminación da discriminación racial. Os obxectivos dos mesmos son transmitir a través de mensaxes curtas ou debuxos a importancia da educación en igualdade e a necesidade de eliminar a discriminación racial, así como a súa prevención”.
Noelia Mª Ben engadiu que “as bases para poder participar nestes concursos están publicadas na sede electrónica do Concello de Burela. A data para a presentación dos traballos remata o 3 de abril de 2023”.