O Concello de Burela emitirá a participación do equipo da localidade no programa Grand Prix o 29 de xullo

O Concello de Burela emitirá finalmente a participación do equipo da localidade no programa de televisión Grand Prix o día 29 de xullo, luns. Será na praza do Concello a partir das 21:30 horas.

Este pasado luns, 15 de xullo, non se emitiu o programa polos actos de celebración da Eurocopa, o que provoca un cambio nas datas.

Haberá unha presentación do equipo participante, e a continuación terá lugar a emisión do programa ás 22:05 horas en pantalla grande. Tamén se proxectará o vídeo que levou a Burela a ser protagonista do coñecido programa.

Dende o Concello animan a veciñanza a asistir vestida de azul para animar ao equipo, que se enfrontará ao da vila madrileña de Morata de Tajuña.

A alcaldesa, Carmela López, convida de novo "a todas as veciñas e veciños a encher a praza do Concello para mandarlles todas as nosas forzas ao noso equipo, que de seguro porá o nome de Burela en boca de toda España".