Desde hoxe, día 1, ata o luns 14 de xuño pode visitarse na oficina de turismo ribadense a exposición Elas tamén soan. Ribadeo: Música en feminino. É un traballo do colexio Sagrado Corazón que está aberto ao público de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas.
A coordinadora do proxecto é a xefa de estudos do centro, Begoña Sanjurjo, quen explica que se trata “dun traballo levado a cabo baixo a dirección de Carmen Rodríguez Cancelo polo alumnado de 4º ESO do Sagrado Corazón no curso 2018-19. O deseño e a maquetación dixital foi feita por Carme Rodríguez Rodríguez. Era para expoñer o ano pasado pero a situación sanitaria non nolo permitiu”.
Begoña Sanjurjo engade que “este traballo mostra o papel das mulleres na música como compositoras ou intérpretes, papel moitas veces invisible polo simple feito de ser mulleres. A través de once paneis percorre todas as épocas e todas as partes do mundo. Os paneis están organizados en 3 bloques: Fixeron historia (dedicados a mulleres xa desaparecidas, dende a medieval María Balteira); Están a facer historia (mulleres que están entre nós, en activo ou xubiladas) e un último panel dedicado ás Mulleres músicas en Ribadeo. En cada panel, xunto á foto e nome da muller aludida, anótase o seu labor profesional, unha pequena biografía, obras salientables e fitos conseguidos. A edición dos paneis correu a cargo da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Igualdade”.
Para rematar a coordinadora desta iniciativa do colexio ribadense Sagrado Corazón indica que “é unha pequena achega á loita pola igualdade da muller no campo musical que ten que dar pé á reflexión. E queremos animar a toda a veciñanza a visitar a exposición, que é tamén unha celebración anticipada do Día Internacional da Música, o 21 de xuño”.