O Observatorio da Mariña pola Igualdade e o Concello de Ribadeo organizar a I Feira Feminista de Outono, que terá lugar o 28 de outubro. A xornada acollerá múltiples actividades do ámbito social, cultural e educativo, que terán por escenario principal da praza 8 de marzo.
A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, indicou que “a primeira Feira Feminista de Outono está organizada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade e coorganizada polo Concello de Ribadeo. Dende o Concello queremos congratularnos, felicitar e darlle as grazas ao Observatorio da Mariña por esta iniciativa pioneira, que é algo moi significativo non soamente no noso concello senón tamén en todo Galiza. Polo tanto é algo moi importante para nós”.
A edil nacionalista dixo que “se desde o Concello de Ribadeo, dende a Área de Igualdade, se veñen facendo colaboracións coas distintas entidades, co Observatorio da Mariña pola Igualdade é algo que facemos conxuntamente, en dúo, posto que o ámbito da igualdade é algo que desde a nosa área, desde o CIM, se está traballando continuamente en diferentes ámbitos: o social, o educativo, … E elas levan moitos anos traballando tamén a prol de conseguir esta igualdade e de traballar estes aspectos. Polo tanto queremos darlles a máis sincera noraboa, o noso apoio total e incondicional por parte do Concello de Ribadeo, de todas as áreas, posto que a de Igualdade non se pode considerar un compartimento estanco, senón que ten que ser transversal a todas as áreas que forman a administración local”.
Álvarez Lastra manifestou: “sabemos que vai ser un éxito rotundo. Así o están manifestando xa as persoas que queren vir e temos que estar moi orgullosas todas, porque apostaran polo concello de Ribadeo para facer este primeiro evento e polo programa, que eu creo que é impresionante para ser a primeira vez, con un montón de actividades, moi diversas e moi variadas. Vai ser un sábado 28 de outubro moi potente, ao que queremos convidar desde o Concello e desde o Observatorio a toda a cidadanía: homes, mulleres, mocidade, a toda a cidadanía en xeral a que acudan este día a partir das 11 da mañá á Praziña 8 de marzo cun programa moi minucioso, moi detallado, con actividades para todo o mundo, moi diversas, moi variadas e dun gran aproveitamento. Hai actividades que non son típicas e polo tanto teñen a aceptación e o beneplácito de todo o país, porque vai vir xente de todo Galiza e desde logo da zona da Mariña e do Occidente de Asturias estamos seguros de que van estar aquí compartindo con nós ese día”.
Pola súa banda, a presidenta do Observatorio da Mariña pola Igualdade, Teresa González Piñeiroa, dixo: “estamos moi contentas de poder presentar hoxe este proxecto, porque detrás del hai moita ilusión, moitas horas de traballo, moitas dúbidas, a veces contratempos, pero cunha certeza moi grande: que o feminismo é moi, moi necesario, máis que nunca. Tíñamos ante nós un grande reto porque é unha iniciativa que non temos constancia de que se levará a cabo de momento no noso país. É moita actividade concentrada nun só día e nun só lugar, Ribadeo, pero nós tiñamos a necesidade de ver cantos proxectos feministas se están facendo ao longo do país; somos como illas no medio do mar e sentíamos a necesidade de poder conectalas para que xuntos e xuntas nos deamos un pouco de pulo e nos visibilicemos”.
Piñeiroa seguiu a relatar que “o lema é Visibilizamos, poñemos en común e implicamos. Queremos visibilizar os proxectos que se están facendo ao longo do país, poñer en común distintas iniciativas para aprender uns dos outros e implicamos para que esta sociedade se mova”.
E engadiu que “este proxecto tivo moi boa acollida desde o principio desde o Concello, porque sen a implicación das áreas de Cultura e Igualdade isto sería para nós, como asociación, moi difícil ou case imposible. Tamén tivo moi boa acollida por parte dos bares O Indiano, o Cortello e o Cabás, que desde o momento cero creron neste proxecto e déronse conta de que detrás desta iniciativa feminista se pode crear tamén economía; podemos ser unha economía produtiva e saben que no feminismo debemos estar todos. Tamén tivo moi boa acollida por parte da base asociativa, que se brindaron para colaborar porque imos necesitar moitas mans. Moi boa acollida por parte da sociedade en xeral e das institucións en particular e a proba está na resposta que tivemos na colaboración e na participación. O potencial que temos aquí é evidente. Temos representación do ámbito social, do cultural, tanto do audiovisual como das músicas e das letras, e tamén do ámbito educativo”.
A presidenta do Observatorio da Mariña pola Igualdade explicou que “a I Feira Feminista de Outono en Ribadeo contará coa presenza dunha longa lista de entidades e organizacións que traballan con perspectiva de xénero no ámbito social, cultural e educativo en Galiza. Así, estarán nos postos da Praza 8 de marzo a Concellaría de Igualdade e o Centro de Información ás Mulleres do Concello de Ribadeo, a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega, as revistas Revirada e Andaina, diferentes organizacións sindicais, a Marcha Mundial das Mulleres, a Plataforma Feminista Galega, o Comité Lila do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, o Festival Agrocuir da Ulloa etc.
Teresa González indicou que “abrirá o programa, ás 12 da mañá, a realizadora e actriz Sonia Méndez cun pregón feminista amenizado polo grupo local de Falapandeireta Erikas e Peluxías e polo grupo de música tradicional A Subela e, ademais dunha degustación de vermús con versos feministas, que terá lugar en varios locais da vila antes do xantar, haberá tempo para varios talleres sobre autocoñecemento e sexualidade con Martina González Veiga, na Oficina de Turismo, e para a música e o baile. A partir das 21 horas gozaremos cunha Verbena feminista na que Touciño Blúes e as Punkiereteiras pecharán a xornada na Praza 8 de marzo”.
E engadiu que “o Observatorio da Mariña pola Igualdade contará cun posto onde se venderán camisolas, bolsas, chapas e onde se expoñerán algúns dos proxectos que desenvolveu a organización nos últimos anos de vida. No posto tamén se poderán adquirir os bonos para a degustación dos vermús feministas (con e sen alcohol) a un prezo de 2 euros”.
Para anotarse á actividade Quererme ben para querer mellor, obradoiro de autocoñecemento e sexualidade para mozas de 14 a 18 anos, as interesadas poden escribir a observatorioigualdade@gmail.com.
Teresa González Piñeiroa rematou a súa intervención sinalando que “desde o Observatorio da Mariña pola Igualdade queremos convidar a toda Galiza e Occidente de Asturias a que se pasen por aquí a gozar desta iniciativa, que vai ser a primeira Feira Feminista de moitas outras que van vir”.
Xunto a González Piñeiroa e Álvarez Lastra estiveron tamén en representación do Observatorio da Mariña pola Igualdade Inma Orol e María José Corral. A presentación deste evento tivo lugar esta tarde no salón de plenos do Concello de Ribadeo.