Este sábado, día 21, inaugurarase no Pazo de Tovar un espazo lúdico e exposición permanente de xoguetes tradicionais.
O concelleiro de Cultura, Manuel Arango, anunciou que “na próxima fin de semana, o sábado 21 de outubro, ás 13 horas, terá lugar a inauguración oficial do espazo lúdico e exposición permanente O recuncho das argalladas no Pazo de Tovar, en Canedo de San Tomé de Lourenzá. Trátase dun espazo, composto por dúas salas, na que conviven harmonicamente unhas cento cincuenta pezas de xoguetes tradicionais, realizadas polos investigadores laurentinos José Manuel García e Xosé López, autores, como é sabido, dos libros Os xoguetes esquecidos e os máis recentes Xoguetes naturais. Argalladas dos pícaros. Están divididos ou organizados en función dos materiais, movemento, da natureza, de refugallo, de terra ou de mar..., acompañados de debuxos e fotografías que reflicten tanto escenas lúdicas coma as árbores doadoras deses materiais ou as propias argalladas”.
Manuel Arango explicou que “é unha aposta por parte do Concello laurentino e do propio dono do pazo como un xeito de dinamizar e dar a coñecer non só esta exposición senón o propio pazo e a súa historia”.
O edil de Cultura engadiu que “asemade, coincidente con esta inauguración, terá lugar unha reunión de especialistas nos xogos e xoguetes de toda Galicia, para compartiren experiencias, recursos e avaliaren a saúde do acervo lúdico tradicional neste momento”.