O vindeiro luns, día 19, arrinca unha nova tempada do programa Aquí?... coma de 20! que o Concello de Ribadeo leva ás parroquias.
A Área de Servizos Sociosanitarios pon en marcha unha nova edición, a sexta, destas tardes de lecer nas parroquias ribadenses. “As actividades están destinadas ás persoas que queiran compartir uns intres de lecer cos seus veciños e veciñas. Potenciaremos as relacións sociais e axudaremos a fortalecer as nosas memorias, motricidade, a participación activa na comunidade…”, explica Susana Álvarez, dinamizadora sociocultural do Concello.
Haberá tardes de lecer os luns en Vilela, en Cinxe os martes, en Rinlo os mércores, en Cedofeita os xoves e en Santalla os venres. Será en horario de 16:00 a 18:00 horas.
As tardes de lecer tamén se desenvolverán en Remourelle os luns, en Vilaselán os martes, en Ribadeo os mércores, en As Anzas os xoves e en Couxela os venres. Neste caso serán de 18:30 a 20:30 horas.
A novidade desta tempada 2018-2019 é que Aquí?...coma de 20! chega a Ribadeo. Estas actividades prolongaranse ata o 15 de maio.
Desde o Concello explican que “as persoas poderán inscribirse o mesmo día no que acudan á actividade. E calquera pode acudir á parroquia ou lugar onde lle sexa máis cómodo. Incluso poderán asistir a varias parroquias”.
As concelleiras de Servizos Sociosanitarios e Igualdade e Educación, Sonia Meilán e Mariluz Álvarez Lastra, animan “ás persoas a que se anoten a esta tardes de lecer. E queremos agradecer o incremento paulatino de participación durante todos estes anos.