A asociación Nordés Faladora organiza este sábado, 21 de xullo, un roteiro desde Bares ata as Grañas do Sor, guiado por expertos e coñecedores do patrimonio da bisbarra, que achegará aos participantes os puntos máis significativos da arte sacra da zona.
O filólogo Bernardo Penabade, a graduada en Conservación e Restauración Clotilde Lemoine, o Arcipreste do Ortegal e párroco de Santa María de Ortigueira F. Javier Martínez, e o párroco do Concello de Mañón e do Vicedo Cristóbal Rivas, xunto veciñas e veciños, achegaranse, ás dez da mañá, á parroquia de Santa María de Vares. Alí falarán da intervención sobre o retablo do século XV presente na igrexa. Sobre ás 11:30 horas visitarán Santa María de Mañón onde contemplarán exemplos da pintura mural galega dos séculos XV e XVI.
O percorrido rematará cara ás 13:00 horas na parroquia das Grañas do Sor onde se levou a cabo unha restauración da igrexa e dos seus arredores propulsada polas veciñas e veciños do lugar.
O punto de quedada para o inicio do roteiro en coches é, ás 9:30 horas, no restaurante A Goleta no Barqueiro, no concello de Mañón. Dende ese lugar os participantes iniciarán a marcha en coches, e quen o prefira pode agardar nos horarios marcados en calquera punto do roteiro.
A mañá rematará cara ás 14:30 horas, cun xantar en Casa Urbano en Mañón. As prazas son limitadas e é preciso reservar no número de teléfono 653 756 454 ou no e-mail asociacion.nordes@gmail.com O prezo é 15 euros para socias e socios e 18€ para non soci@s.