Nordés Faladora organiza en Mañón o 4 de novembro unha xornada sobre agricultura ecolóxica.

A asociación Nordés Faladora continúa coa segunda parte dun ciclo sobre ecoloxía, alternativas e cooperativismo iniciado en marzo coas Xornadas Forestais, e que agora segue coas Xornadas sobre Agricultura Ecolóxica que celebra este sábado, 4 de novembro.

Estas charlas informativas, abertas ao público en xeral, teñen como fin poñer en contacto proxectos e persoas con inquietudes semellantes, tendo como base en todo momento o desenvolvemento económico da zona a través de alternativas sostibles. Nordés quere proporcionar diferentes opcións que teñan en consideración o valor da nosa terra e da poboación que quere coidala e ademais vivir dela, ben a tempo completo ou como complemento.

Nestas xornadas estará presente Economato Macabeo, un grupo de tendas da Comunidade de Madrid que ofrece todo tipo de produtos ecolóxicos e bio, seguindo un modelo tradicional de compra-venta, que traballan directamente con agricultor@s e produtor@s.

As xornadas comezarán ás 10:30 horas no salón de actos do Concello de Mañón, no Barqueiro, cunha degustación de cafés e infusións ecolóxicas. Ás 11:00 horas ofrecerán unha charla Alberto López e José Luís Villarejo, xerente e xefe de compras respectivamente de Economato Macabeo, que falarán de agricultura e gandería ecolóxica, da situación da súa produción  e da comercialización no panorama español.

Ás 14:00 horas haberá un xantar no Hotel Semáforo de Bares cun menú composto totalmente por produtos ecolóxicos que consistirá nunha táboa de queixos e patés, ensalada de follas variadas, froitos secos, crema de calabaza, polo guisado e compota de mazá. A esta actividade é preciso anotarse porque hai vinte prazas, e pode facerse no 653 756 454 ou en asociación.nordes@gmail.com. O prezo do menú son 15€ por persoa.

Ás 16:00 horas, no Hotel Semáforo, terá lugar unha mesa debate con labregos e produtores ecolóxiocos para falar das posibilidades e alternativas de traballo no sector bio na comarca.