Mariña Patrimonio organiza unha visita ao concello das Pontes para coñecer a súa historia. Será o 18 de setembro.

Mariña Patrimonio organiza para o vindeiro 18 de setembro unha saída ata o concello das Pontes para coñecermos a súa historia e mailo seu patrimonio. Pola mañá, visitarase a exposición arqueolóxica “Man a man”, continuará cun percorrido pola historia medieval deste concello e rematará coa visita ao Museo Etnográfico Monte Caxado. Tras unha pausa para o xantar, reanudaranse as actividades da tarde achegando aos asistentes á historia industrial das Pontes. As diferentes visitas serán guiadas e dos pormenores da actividade informarase con máis detalle proximamente.

No caso de que haxa un número suficiente de persoas, o desprazamento realizarase en bus e reservarase o xantar polo que as interesadas deberán poñerse en contacto coa asociación canto antes, con límite ata o 14 de setembro. Para anotarse enviarase un correo a mr.patrimonio@gmail.com indicando o nome, se é socio/a ou non, e as opcións que lle interesan. O 15 de setembro comunicarase o importe e mailo número de conta de Mariña Patrimonio para facer o ingreso en función das opcións elixidas.

Prezo: por definir, en función da opción que se elixa
Socios.- bus: 15€, xantar: 15€. total: 30€
Non socios.- actividade: 5€, bus: 15€, xantar: 15€. total: 35€