Foz, Burela, Cervo e Viveiro acollerán esta fin de semana o Torneo Lugo é Basket Formación, organizado pola ASXC Sagrado Corazón coa colaboración da Vicpresidencia da Deputación de Lugo
Dezaseis equipos das categorías infantil e cadete de toda Galiza -entre eles conxuntos do CB Burela e os lucenses ASXC Sagrado Corazón e Maristas - disputarán o torneo, que se presentou esta tarde no pavillón Torques de Marzán de Foz, nun acto no que estiveron prsentes deputado de Deportes, Efrén Castro, o tenente de alcalde de Foz, Xavier Fanego, e o responsable da ASXC Sagrado Corazón, Rubén Engroba, así como os concelleiros de Deportes de Cervo, David Rodríguez, e Burela, Ramiro Fernández.
O torneo ofrece a xogadoras e xogadores das categorías de formación unha oportunidade para mellorar as súas cualidades e prepara a vindeira tempada, a piques de comezar, como destacaron desde a organización. “Grazas á colaboración económica da Vicepresidencia da Deputación e á cesión dos espazos por parte dos concellos, poremos en marcha un torneo de nivel deportivo, tanto pola presenza de equipos de categoría autonómica chegados desde fóra da provincia como polo nivel das pistas de xogo”, aseverou Engroba.
O deputado de Deportes, Efrén Castro, quixo poñer de manifesto “a calidade deportiva do evento, que ofrece a xogadoras e xogadores de base excelente organización do evento por parte da AXSC Sagrado Corazón, previo ao inicio da tempada deportiva e que ofrece unha oportunidade a xogadoras e xogadores de entre 12 e 15 anos de competir contra equipos de toda Galiza”. Un evento que “funcionará como antesala da tempada, o mellor dos adestramentos”, subliñou Castro. Por outra banda, desde a Deputación Provincial, a través da Área de Deportes, “apoiamos este torneo que fomenta o deporte de competición entre xogadoras e xogadoras moi novos e que conta ademais coa colaboración de 4 concellos”, contribuíndo a “ promocionar o tránsito de persoas na comarca, nomeadamente nos concellos que acollen sedes, de xeito que repercutirá positivamente na economía do comercio e hostalería da zona”.
O Lugo é Basket Formación reunirá ao redor de 200 deportistas de 16 equipos, o que, segundo os datos da organización, “contando tamén coa presenza de público asociado, traducirase nunhas 500 persoas durante a fin de semana percorrendo os distintos concellos colaboradores”.
No que atinxe á organización, participarán catro equipos por categoría, que disputarán o torneo en formato de liga a unha volta, todos contra todos, cun total de tres encontros por equipo. As pistas onde se celebrarán os partidos son de nivel I de Federación Galega de Baloncesto, con marcador visual e todas as necesidades técnicas e de loxística. Ademais, o torneo estará arbitrado por colexiados e oficiais da Federación Galega de Baloncesto.
O pavillón municipal de Viveiro, o da Veiga en Cervo, o de Vista Alegre de Burela e o de Torques de Marzán en Foz serán as sedes onde se celebrarán os partidos, atendendo as normas de prevención fronte á Covid 19 vixentes.