Deron comezo as actividades de Nadal de Acisa Ribadeo. Os mais pequenos e as máis pequenas da casa gozaron onte, domingo, de teatro.
A presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, contou que “grazas a un dos nosos establecementos asociados Kids&Us nenas e nenos disfrutaron onte da obra de teatro Story Time The Elf´s Inventions no Teatro de Ribadeo. E o vindeiro sábado, día de Noiteboa, teremos un taller de adornos de Nadal. Será en dúas quendas, ás 10:30 e ás 11:45 horas nas instalacións de Kids&Us na rúa Rosalía de Castro”.
O xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Jesús Pérez, dixo que “estas non son as únicas actividades deseñadas para a rapazada de Ribadeo, xa que teremos as visitas de Papá Noel e do Apalpador. Pero de todo isto iremos dando conta ao longo dos vindeiros días”.
Acisa Ribadeo poñía en marcha a campaña de Nadal hai uns días co reparto de 150.000 rifas para participar no sorteo de 4.000 euros en premios na XII Festa do Comercio, que se celebrará o vindeiro 14 de xaneiro. Presidenta e xerente de Acisa lembraron que “todas aquelas persoas que realicen as súas compras no comercio local ou que consuman na nosa hostalería e nos nosos servizos ata a data do sorteo recibirán as papeletas para participar nesta importante cita, que volve ser presencial tras dous anos de pandemia”. E apostaron “pola necesidade de apoiar aos negocios locais. En Ribadeo somos un referente e así queremos seguir por moito tempo. Aquí atoparemos todo o que precisamos para sorprender e agasallar nestas especiais datas, ademais dun trato próximo e dun asesoramento personalizado”.