A Associaçom Galega da Língua (AGAL) desenvolverá vintecinco obradoiros de achegamento ao portugués en trece centros educativos da provincia, da man da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A vicepresidenta Maite Ferreiro e o presidente de AGAL, Edudardo Maragoto, presentaron esta maña no Pazo de San Marcos esta iniciaitiva que achega ao alumnado lucense unha actividade formativa que AGAL está a levar a cabo noutros concellos de todo o país.
Os obradoiros, que se desenvolven baixo o epígrafe O Português Simples – OPS teñen como obxectivo descubrir ao alumnado a vantaxe do galego para aprender portugués e acceder ao mundo que se expresa nesa lingua, a sexta do mundo en falantes.
Eduardo Maragato explicou que se trata “de obradoiros de cen minutos nos que se ofrece unha formación básica en portugués con actividades amenas, en que se usa a interactividade e ferramentas moi interesantes para o alumnado como a música, para mostrar que a aprendizaxe do portugués é moi facil para os galegos”.
A vicepresidenta Maite Ferreiro sinalou que “como falantes de galego, formamos parte dun sistema lingüístico compartido con 240 millóns de habitantes, unha porta aberta ao mundo que cremos que debemos empregar mais a todos os niveis, cultural, social, económico. O coñecemento que fomentan estes obradoiros de AGAL son un paso nesa dirección, por iso apostamos por apoiar a iniciativa”.
Os obradoiros contan con catro bloques de contidos, que pretenden un achegamento á ortografía e ao léxico portugués a través do coñecemento que proporciona o galego para amosar a vantaxe competitiva que temos en termos de comprensión escrita a hora de aprender portugués.
Ademais, informan do que a lusofonía representa en termos xeográficos, culturais e económicos, contribuíndo a tomar consciencia do que descoñecemos dos países que falan portugués. Tamén fornecen recursos para que os alumnos e alumnas sexan autonómas na aprendizaxe, poñéndoas en contactos con diferentes recursos culturais, desde música ou cinema ata xornais e xogos.
O IES Díaz Castro de Gutiriz acolle mañá un dos obradoiros
Os obradoiros, que comezaron a desenvolverse o pasado 21 de abril IES do Camiño, de Palas de Rei, chegarán mañá ao IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, que fai coincidir a sesión coa celebración do Día da Lingua Portuguese, que se conmemora o 5 de maio.
Nos vindeiros meses, os obradoiros chegarán a outros once centros: o IES Fontem Albei da Fonsagrada, o IES Enrique Muruais da Pontenova, o IES Pedregal de Irima de Meira, o IES de Becerreá, o IES Lama das Quendas de Chantada, o CPI Dr. López Suárez do Saviñao, o IES Río Cabe de Monforte, o IES Xograr Afonso Gómez de Sarria, o IES Perdouro de Burela e o IES Vilar Ponte de Viveiro.
Os centros tamén recibirán un lote de libros
Os centros nos que se realicen os obradoiros recibirán un exemplar do Dicionário Visual da Através Editora e cadanseu exemplar dos libros “Cativerio de Fingoi”, de Ramóm Reimunde, e “Nós, xs inadaptadxs”, coordinado por Daniel Amarelo.