A galería Terra Branca, de Ribadeo, acolle unha exposición do artesán coruñés afincado en Mondoñedo José Manuel Fernández Otero (Pepe Oleiro). Trátase de pezas baseadas nas tradicionais da cerámica mindoniense con máis colorido e novas formas.
Pepe Oleiro asegura que “a min me gusta recuperar esa louza tradicional, de feito unha das cousas que estou facendo é recompilar un pouco a cerámica tradicional de Mondoñedo e facer pezas con esas formas. As novas tecnoloxías permítennos mellores calidades nas pezas, máis colorido, máis formas, e adaptalo un pouquiño máis ao gusto da xente na actualidade”.
Para este artesán afincado en Mondoñedo “Terra Branca é unha galería na que a todo o mundo lle gustaría estar. Preocúpanse moito empezando polo artesán e ás pezas danlle un valor engadido importante, na presentación e incluso no márketing das mesmas. Ademais José Ramón é unha persoa que vive moito este tema, gústalle moito, prepara unhas reportaxes estupendas, tómase moitas molestias e fai un traballo moi bo. Para min ter pezas miñas na súa galería é unha satisfacción”.