O presidente da FCAM, José Carlos Paleo, anima a aproveitar as diferentes campañas postas en marcha por administracións como a Xunta e a Deputación de Lugo para potenciar as compras nos negocios locais.
Paleo sinalou que “estamos xa no verán, datas nas que moitos collerán as súas merecidas vacacións. Son días de preparativos e de compras, de aí que desde a Federación de Comercio A Mariña queiramos insistir nas campañas que nas últimas semanas puxeron en marcha a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo. Estoume a referir aos Bonos Impulsa, aos Bonos Activa Comercio e aos Bonos Turísticos”.
Para o presidente da FCAM “este é un bo momento para que asociados e clientes se beneficien das diferentes campañas lanzadas para facer as súas compras de cara á estación que acabamos de estrear”.
José Carlos Paleo lembrou que “tamén seguen en marcha ata o 30 de xuño os Días Azuis, que organizan a Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia con 12.000 euros en premios”.
O presidente da FCAM engadiu que “estas campañas supoñen unha oportunidade para incrementar as vendas e para fidelizar o consumo local nos negocios da nosa comarca, da Mariña”.