Éxito da nova edición de A Mariña en Ruta. Están esgotadas as prazas para os días 12 e 14 de outubro, pero quedan algunhas para o 15

Éxito da nova edición de A Mariña en Ruta, que daba comezo o pasado sábado. Este proxecto está promovido pola Mancomunidade de Concellos coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo. Ata finais de novembro están programadas 16 actividades, unha por cada concello que conforma o xeodestino e onde a artesanía da comarca ten un papel destacado. 

Xa están esgotadas as prazas para as actividades que se desenvolverán os días 12 e 14 de outubro. O vindeiro xoves día 12 Sofía López guiará un percorrido por San Miguel de Reinante: comercio, indianos e fidalgos (Barreiros). E o sábado 14 de outubro con Boris Vilar e o artesán ferreiro JOMACA (José Mario Cabo) os asistentes coñecerán de preto Riotorto, a terra dos ferreiros. Xa o sábado, día 15, Carmen Delia Díaz (La Guiateca) e o artesán Daniel Caxigueiro achegarán aos participantes aos Segredos e Lendas de Foz. Para esta ruta aínda quedan algunhas prazas libres. 

Este programa de visitas e rutas guiadas pola Mariña Lucense arrincaba o pasado sábado, 7 de outubro, pola ruta do Morgallón-Río Sor no Vicedo. Algunha das temáticas iniciais estiveron relacionadas coa toponimia, a xeografía e o patrimonio da localidade e do río, e mais en concreto sobre a parroquia de San Miguel das Negradas.  

Dende O Morgallón os participantes descenderon uns metros ata o lugar de Monte da Insua onde, seguindo a ruta, accederon a un sendeiro que transcorre por uns 4 quilómetros pegado ao río, remontando o curso do mesmo, nun meandro que practicamente debuxa unha circunferencia. No percorrido houbo sucesivas paradas e explicacións sobre a vexetación (árbores, fentos, fungos, briófitas e liques entre outra) e a fauna (cabalos do demo, lumachas, ras pardas, lavandeira amarela, pegas e troitas). E tamén se deu información sobre as distintas estruturas que se atopan ao longo deste tramo como a antiga central de Electra Riobarba, a presa da Tronca, a telesilla de Muíños Vellos, o coto de pesca das Ribeiras do Sor, o refuxio de pescadores do Ulló e o antigo centro ictioxénico para a recuperación do reo.

Os asistentes gozaron moito desta experiencia nunha xornada marcada polo bo tempo. 

Actividades para o mes de novembro

A presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Rocío López, anima “a participar neste interesante programa de actividades pola nosa comarca para o que xa é posible consultar e reservar as actividades programadas para o mes de novembro, a falta de pechar os detalles dunha delas”.

O 21 de outubro A Mariña en Ruta chegará a Trabada, o 28 a Cervo e o 29 á Pontenova. 

Programación de novembro
Mércores 1 – De Morás a Portocelo, os cantís esculpidos polo mar (Xove). Con Boris Vidal.
Sábado 4 – Patrimonio natural e artístico en Lourenzá. Con Carmen Delia (La Guiateca)
Domingo 5 – Mondoñedo e o seu legado. Con Ana Pena (Guía tu día)
Sábado 11 – Alfoz, fortaleza entre a serra e o mar. Con Ana Pena (Guía tu día)
Sábado 18 – Obradoiro de cerámica con Regal en Viveiro. 
Domingo 19 – Patrimonio indiano e natural de Ourol. Con Noela Feal.
Sábado 25 – Obradoiro de coiro con Raíces Nómadas en Ribadeo. 
Domingo 26 – Xeoruta do Perdouro en Burela. Con Fran Canosa.

As actividades terán unha duración de 2 a 4 horas e poderán participar un máximo de 25 persoas mais o guía en cada un. O prezo xeral será de 5 euros para individual; 8 euros para parella; 12 euros para familias ou grupos de ata 5 membros. A información sobre a rutas e as reservas de prazas realizarase de forma automática a través da web de Turismo de A Mariña Lucense https://amarinalucense.gal/es/a-marina-en-ruta