A emigración é a protagonista do mural que se pode ver xa na praciña da Fonte Nova, en Ribadeo. Estampas do retorno é un novo traballo do afamado artista de orixe ribadense Joseba Muruzábal.
Ao acto de inauguración asistiron o alcalde, Fernando Suárez, e os concelleiros de Medio Ambiente, Cultura e Turismo, Jorge Díaz, Pilar Otero e Pablo Vizoso, ademais do xerente de Acisa, Jesús Pérez.
O mural é unha das actividades das vésperas do Ribadeo Indiano, que arrincará mañá, venres, e se prolongará ata o vindeiro domingo, 10 de xullo.
Joseba Muruzábal, de nome artístico JOSEBA MP, é licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo e hoxe en día é un dos máximos expoñentes deste tipo de traballos artísticos e os seus deseños xa os hai en moitas vilas. En Ribadeo participou en tres edicións de Mariñarte, a mostra de arte contemporánea que amosou durante anos os traballos de artistas mozos da comarca.
Este artista é autor do grande mural, que está situado na confluencia da Avenida de Galicia coa rúa Daniel Cortezón, co que Concello quixo no seu momento render homenaxe a Concha, unha veciña de Ove de 90 anos, que leva toda a vida traendo os produtos da súa horta ao mercado de Ribadeo, e tamén ao comercio de proximidade.